Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

cousas deste tempo

Xoves, 28 de Setembro de 2006

Despedida e peche

Mudeime.

A partires de agora o meu blog será Eu xamais terei un blog

Pesadilla de servidor este.

Por: XOSE LARVOS | Xeral | Comentarios (2) | Referencias (0)

Xoves, 21 de Setembro de 2006

Alá Superstar.

Veño de rematar Alá superstar, o último libro de Yassir Benmiloud (asina como Y.B.), e aínda teño, de vez, os pelos de punta e bagoas nos ollos (de tanto rir). É un deses libros raros, que te divirten, te levan á reflexión e, ao mesmo tempo, prodúceche arrepíos. Non é un libro para nada normal. É unha anomalía na literatura actual. Unha afortunada anomalía.

Alá superstar conta a historia de Kamal Hassani, un rapaz nacido en Alxeria e criado nas tristemente célebres cidades dormitorio francesas (eses suburbios que, por mor dos arrepiantes disturbios, tantos ríos de tinta fixeron correr). Un bo día o rapaz decátase de que so ten unha posibilidade de mudar o seu destino: converterse en humorista de éxito (“un mouro en Francia non ten onde escoller. Ou é star ou non é nada”). As peripecias do rapaz en pos do anelado éxito vertebran unha historia narrada en primeira persoa, limpa de lucimentos literarios e totalmente escrita coa simpleza propia do monólogo dun adolescente. Non é un libro para quen precise alardes literarios; é un libro do máis sinxelo. A marxinación, o racismo, a violencia, o fanatismo islámico, a demagoxia dos Líderes de Opinión... esas cousas que aparecen de fondo son as que lle confiren á historia o corpo e a densidade que, en si mesma, non posúe a súa prosa. Como vale máis unha imaxe que mil palabras (un anaco neste caso) déixovos aquí algunha das perlas que atopei nel para que podades saborear o estilo:

-Aos árabes cústalles menos meterse en Al Qaeda que na TF1 (televisión francesa).
-Ao meu pai so o vin beber unha vez, pero durou moito, entre os catro e os doce anos non o vin sereno nin un so día.
-Alxeria é a clase de país que che apetece máis morrer por el que vivir nel, algo así como Chechenia.
-... eses deben ser os de contrato lixo na yihad porque os fixos, os de plantel, non falan con xornalistas, decapítanos.
-Así que en este país se es de pel tostada non tes máis que dúas posibilidades, ou dás medo ou dás risa.
-Agora os racistas queren prohibir a pornografía e a delincuencia, porque en Francia son as únicas ocasións nas que se mesturan os sangues.


O libro está totalmente ateigado de detalles tan bos como os indicados e tamén mellores. Aínda así, o anaco que máis me gusta e uns dos máis importantes é este: “¿por que os xudeus contan chistes de rabinos e os cristiáns de curas e nós non contamos chistes de imáns?” E aí está a clave da historia. O rapaz decide montar un espectáculo cómico no que se parodia o islamismo. Crédeme: paga a pena léelo para saber á que se lle arma ao coitado. A conclusión que eu tiro non pode ser outra: isto non o amaña xa nin deus. Nin alá tampouco. Pero alguén tiña que rebater a Oriana Fallaci sen incorrer no repetitivo apelativo de “facha” que, a estas alturas, de tan usado sospeito que xa non significa nada.

Un último anaco antes de deixalo (para que vexades que os progres republicanos tamén levan a súa ración):

"A min mólame cantidade cando no telexornal da TF1 Claire Chazal pon así como unha cara moi seria e mírate de esguello e entra no tema dicindo “imos intentar agora comprender o desamparo desta xuventude en condicións penosas..”, eu, como xove codicións penosas, digo que ¡¡¡bravo, es grande, Claire, veña, intenta comprender o desamparo, a imaxinación ao poder!!!"

Por: XOSE LARVOS | eses libros que me gustaron | Comentarios (2) | Referencias (0)

Mércores, 20 de Setembro de 2006

Un pequeno xogo.

Hoxe recibín un e-mail deses "en cadea" que me resultou do máis gracioso, así que quero compartilo.

Hai que facer o seguinte:

1) Abrir o Google.
2) Escribir a palabra "miserable".
3) Moi importante: premer a opción "vou ter sorte" (é o botón da dereita)

¿Sáevos o mesmo que a min?. Abraiante ¿non si?

¿Casualidade ou causalidade?
Agradécense comentarios.

Por: XOSE LARVOS | Xeral | Comentarios (4) | Referencias (0)

Xoves, 14 de Setembro de 2006

Aínda que non haxa indicios que o fagan sospeitar, aseguro que esta bitácora segue viva.

Regresei ao curro hai un par de semanas e, coma sempre, o primeiro que verifiquei foi que viaxar curará o nacionalismo, pero debe ser o único que cura, porque os gilipollas volven de Tailandia igual de gilipollas que cando se foron. Polo que a min respecta, estiven en Portugal, e aproveito tamén para dicir que non percibo en min mesmo cambio estructural ningún. Ou sexa que non; que viaxar non cura nadiña de nada. E eu que contaba con ter, cando menos, algunha dioctría menos en cada ollo…

Por outra banda, infórmovos que aínda estou coa boca adormecida logo dunha visita ao dentista (tamén coñecidos como “piñólogos” na miña rúa), ou mellor dito: a un fulano que asegura ser dentista. A verdade estes tipos o único que fan é serrar, taladrar, encher os buratos que eles mesmos fixeron con cemento… en fin; que o tipo tanto pode ser odontólogo como un domingueiro que mirou un par de capítulos de bricomania e que anda a empregar as bocas alleas coma campo de probas. Pero ben; démoslle un voto de confianza. Quizais nun par de semanas volva a sentir que na miña cabeza hai algo dos ollos para abaixo. Agora mesmo so percibo unha especie de baleiro no continuo espazo-tempo. Espero que so sexa a anestesia e que non que vaia aparecer unha Anana Branca baixo o meu bigote. Desde que andan a enredar coa física cuántica xa non pode un fiarse de ninguén.

Polo demáis, unha serie de contratempos familiares impedíronme preparar un post como deus manda, algo realmente digno da incompetencia que me caracteriza, así que voume limitar a deixar aquí este sinal de vida. Espero volver pronto ao blogueo activo e poñer “cousas deste tempo” onde se merece.

Treme “Vieiros”, que che vou roubar toda a audiencia.

Por: XOSE LARVOS | cousas miñas | Comentarios (5) | Referencias (0)

Venres, 14 de Xullo de 2006

En apoio a Díaz Pardo

Podedes conseguir o banner na web dos aduaneiros




Por: XOSE LARVOS | Xeral | Comentarios (6) | Referencias (0)

Mércores, 12 de Xullo de 2006

La vida, a veces, es un poquito una mierda.

Nunca se me deu demasiado ben iso de falar en público. Prodúceme unha horrorosa sensación de angustia, coma se, en vez de ante un grupo de persoas, me achegase ao borde dun abismal precipicio, ás infernais portas do inferno, ou ao meu xerente dicindo aquilo de “el equipo es lo primero” cinco minutos despois de ameazarme co despido. E aínda que co tempo vou mellorando nesa faceta da vida (na de falar en público, non na das ameazas de despido), a verdade é que, aínda non hai moito, durante a presentación dun proxecto, sen saber por qué, sentín como as miñas meixelas ficaban, pouco a pouco, roibas. Descoñezo as claves dos mecanismos que activan esa reacción, pero o certo é que cando me quixen dar conta, a presentación xa estaba facendo Naranghito. En fin. Qué lle imos facer. Para estas cousas so coñezo un remedio: xa me presentei voluntario para facer a presentación do seguinte. É unha lección que me ensinou o meu avó, coa súa sabedoría milenaria de aldea: ao que non quere unha cunha de caldo, dúas. Se alguén coñece outro xeito de vencer aos medos, son todo ouvidos.

Pero non é do proceso de ficar roibo do que quería falar, senón doutra reacción involuntaria que tamén padezo as veces. Tivemos non hai moito na empresa iso que se coñece como revisións médicas periódicas, e a cousa a min tívome, coma sempre, algo inquedo. Non detecto anomalía ningunha no funcionamento das miñas partes integrantes, e polo tanto, cando menos a priori (toco madeira) non agardo nada malo nos resultados, pero sempre me preocupou un pouco o funcionamento excesivamente autónomo da miña parte integrante máis intrigante. Refírome a esa que se comporta de modo independente, que vai por conta propia, o que se di “á súa bola”, e que non dá contas a ninguén. Supoño que non fai falta explicar a qué me refiro, como tampouco a personaxe interpretada por Woody Allen tivo que facer ningunha aclaración cando dixo que o seu cerebro era o seu segundo órgano preferido. O medo consiste –e supoño que tampouco para isto compren demasiadas explicacións- no pánico a que o seu misterioso mecanismo se active sen máis no momento menos indicado. En gallumbos, nunha consulta, cunha doutora en bata branca ante ti, temos que recoñecelo, é un momento bastante triste para que se desate esa reacción espontánea. Triste e humillante. A miña imaxinación tortúrame evocando esa escena desde que os primeiros peliños comezaron a xermolar no meu bigote. E malia que xa leva chovido bastante desde aquela non parece que acabe de superalo. O que son estas cousas.

Lembro que, durante a adolescencia, cando se me presentada este medo, un imaxinaba que sería cousa da idade. Algo que, como poñerse vermello, un tería sobradamente resolto cando chegase aos trinta. Pero non. Cumprinos en marzo, e basicamente todo sigue igual: a miña parte máis intrigante segue sen obedecer. E tamén sigo a poñerme vermello de cando en cando. Vese que non era cousa dos anos, senón do sistema simpático (que vaia nome, porque eu chamaríao de calquera xeito, menos “simpático”), que anda por aí solto, fervellando, e fai das súas cando lle peta. E se ben a cousa ven de lonxe, este medo ten agora o agravante de que un xa non é un adolescente. Porque se a intriga autónoma espontánea durante a adolescencia cando menos tiña o atenuante de que todo o mundo sabe (e as doutoras, que non son leigas precisamente en fisioloxía, mellor que ninguén) que ese é un período da vida do varón con moita tendencia ao integrismo, por iso os raparigos sempre levan a camisola por fóra do pantalón, por aquilo de non ser sorprendido intrigándose na pizarra mentres lle busca os complementos circunstanciais a unha frase tirada d’A vida de Pascual Duarte. Pero o caso é que a min ségueme pasando. De feito, aínda non hai moito, vivín unha situación na que, xuro que con verdadeiro arrepío, non podía deixar de preguntarme durante a lectura do balance fiscal do pasado exercicio, “e eu porque estou así de intrigado ouvindo este rollo pataqueiro????”. Será deformación profesional? Será cousa de tanto estimular a imaxinación lendo libros? Terei que deixar de ignorar o fútbol, e así aplacar os instintos a base de ollar a vinte e dous fulanos en bañador coas pernas peludas e retortas? Será que son un pervertido? Serei un inmaduro? Matarame a miña rapariga ao ler este post?

O fío dos interrogantes, coa súa forma de gadaña léxica, tortúranme novamente.

A verdade é que detesto o pesimismo vital militante tan frecuente hogano, pero hai que recoñecer que a vida ten certos puntos ben fodidos. Este asunto éche un deles. Porque resulta que, neste rexistro, durante a xuventude, a autonomía integrista é fonte de preocupacións... por exceso. Pero cos anos, á cabrona, tan insubmisa e toureira ela, dálle por volverse autónoma... por defecto (algo, por suposto, moito máis preocupante). A cousa que non tería moita gravidade se o desexo se apagase co seu vigor, pero curiosamente tódolos indicios sinalan que o desexo tende a conservarse. Así que temos que recoñecelo. Non queda outra. Como di, co seu simpático acento porteño, un arxentino que traballa comigo: la vida, a veces, es un poquito una mierda.

PD: pasado o exame médico, informo -como din os xornalistas logo das eleccións- que a xornada transcorreu sen incidencias. Así que xa volvo estar tranquilo... Até o ano que ben.

Por: XOSE LARVOS | cousas miñas | Comentarios (12) | Referencias (0)

Mércores, 05 de Xullo de 2006

Autoodio Nunca Máís: AUTORRETRANCA!!!

Como son declaradamente marxista (por Groucho, non por Karl) e inspirado por un recente post de Besbellinha, mándolle a tódolos navegantes o seguinte aviso:

Eu nunca entraría nun blog escrito por un tipo coma min.

Agora vos facede o que queirades.

Por: XOSE LARVOS | cousas miñas | Comentarios (9) | Referencias (0)

Venres, 23 de Xuño de 2006

VIGO ÜBER ALLES (II)

O último post adiqueino, como podedes comprobar, a denunciar a publicación no xornal Faro de Vigo dunha oferta de emprego descaradamente xenófoba, na que, sen ningún pudor, se engade a sinistra aclaración de que os inmigrantes non poden optar ao posto ofertado. Un non é tan inxenuo como para pensar que non hai en Vigo fulanos así (está claro que os aprendices de Le Pen e Ynestrillas non xermolan so no Alén Padornelo), pero o que me produciu verdadeiros arrepíos é que un xornal como o Faro acepte publicar un anuncio en semellantes termos. Ao velo a miña reacción foi unha mestura de arrepío e vergoña. Logo, máis calmo, din en enviar unha serie de emilios á redacción do mesmo, e ao final, por desafogar un pouco, espetei o post en cuestión que podedes ver por aí abaixo.

E mira ti por onde que, a partires de aí, si que sucumbín a máis patética das inxenuidades: imaxinábame eu que a publicación do anuncio fora un erro, un despiste, a obra quizais dun becario mal remunerado, desmotivado, inexperto, e ao mellor sen demasiadas luces, e que, por falta de veteranía, competencia, ou gañas de traballar (as veces ás características danse xuntas. Outras non) se lle “escapara” a animalada en cuestión. Xa daba eu por seguro que a resposta aos emilios por parte da redacción do Faro ía ser inmediata:

""Estimado señor José Larvues:

Lamentamos haber incurrido en tan aberrante error. Tras recibir su queja, hemos procedido de modo inmediato a la eliminación del anuncio en cuestión, a todas luces abyecto, incluso nauseabundo, y por supuesto indigno de una publicación como el Faro de Vigo, de demostrado, notable y contrastado carácter cívico y democrático. Nada más ajeno a nuestra voluntad que herir sensibilidades respecto a tan delicado tema, ser participes de actitudes reaccionarias, y mucho menos erigirnos en parte activa de un mercado laborar que discrimina y margina al inmigrante. Le informamos que han sido adoptadas las medidas oportunas para que esta desagradable situación no vuelva a repetirse en el futuro.

Atentamente: don Miguel Méndez de las Hinojosas (director de redacción) y don Lucrecio de las Tojeiras y Feijoo (gerente de Grandes Cuentas, asuntos internacionales y master en Gestión Empresarial por la universidad de Cincinati)""

Pois si. Dábache eu a resposta por servida. Cousa feita. Asunto resulto. Pero mira ti que non. Pasan os días e na miña bandexa de entrada o único que fai escala son os emilios lixo, algún que outro virus, e por suposto, as dedicatorias de amor dos milleiros de amantes que teño polo mundo adiante. Así que abro o Faro, para comprobar se cando menos o anuncio en cuestión xa non está na fatídica páxina 89, cando dou con estoutra xoia:





E entón na miña testa so hai un pensamento:

COMO PODO SER TAN GILIPOLLAS???

Xúrovos que a min so me falta crer nos Reis Magos, en Papá Noel, e nas historias de Iker Jiménez . Hai que ver o coitado que se pode chegar a ser! “Ti es parvo, rapaz. Parvo de todo”, susúrrame o meu subconsciente, que sempre está aí, espreitando, regocixándose nos meus erros, disposto a todas horas a engadir un elemento máis ao meu inventario de complexos. Que inxenuidade a miña! Pensar que lles ía importar a miña queixa!! Pensar que ía conseguir algo!!!
Non o podedes ver, pero póñome rubio so de pensalo.

Pasan uns minutos de desconcerto. Vou encaixando o golpe. Aínda medio mareado, pero algo máis reposto da lambada psicolóxica que acabo de levar, reparo novamente no anuncio. E así descubro que este en cuestión aínda me desacouga máis que o anterior. Ten até un certo cheiro “guerracivilista”. ¿A que se refire con iso de “nacional”? ¿Non quere estranxeiros ou o que non quere son republicanos? ¿Valorarase positivamente que te presentes á entrevista con camisa azul e as memorias de Primo de Rivera baixo o brazo? ¿Terá Pío Moa un bar á beira de Povisa?... En fin, tanto ten. Unha cousa está clara: a miña queixa, aos do Faro, suolles o cipote olimpicamente. Esa si que é unha verdade incontestábel. O Faro, o mítico Faro (como para case tódolos rapaces de Vigo e periferia, para min tódolos xornais se chamaban así. “Meu pai está lendo o faro”, diciamos, aínda que lese El País, convencidos de que “faro” e “xornal” eran sinónimos perfectos), non ten ningún reparo en ser parte activa na discriminación xenófoba na nosa cidade. Segundo o último censo, os inmigrantes constitúen o 5% da poboación de Vigo, pero todo parece indicar que esa porcentaxe (gústenos ou non) se multiplicará nos vindeiros anos. E Vigo vainos recibir como acostuma: sucumbindo a tódalas vulgaridades posíbeis en todólos eidos concebibeis.

¿Haberá que resignarse a padecer esta maldición faraónica?

E xa está ben. Por hoxe deixo o tema (aínda que temo que continuará). Iso si: non me privarei do pracer de mandarlle un atento saúdo, cos meus mellores desexos de disfunción eréctil, a todos os que poñen ou participan de semellantes anuncios.

Por: XOSE LARVOS | porca miseria | Comentarios (8) | Referencias (0)

Venres, 16 de Xuño de 2006

VIGO ÜBER ALLES



Supoño que acometer unha denuncia coma esta coa foto do esquío aí abaixo non é o mellor xeito de actuar… pero ben. Un blog é así: hoxe poste trascendente e combativo e mañán xa estás falando do Celta, ou do ben que o pasaches na festa da vieira. Así que mellor vou á cerna do asunto e deíxome de lerias. Como di o meu xefe cando mete a pata: “non se podía facer nada. Isto é coxuntural”.

Esa imaxe que vedes aí arriba é unha oferta de emprego actual publicada no Faro de Vigo, xornal decano da nosa cidade, e que, polo visto, non ten reparo ningún en publicar un anuncio evidentemente xenófobo (por non engadirlle de paso o de machista. O tipo non quere que unha extranxeirA lle faga de asistenta). Non estou seguro ao cen por cen, pero sospeito que algo así vulnera o código penal, ou cando menos, debería facelo. Se non é así, vai sendo hora de mudalo. Como dixo John Stuart Mill: “As leis non se mellorarían se non existisen numerosas persoas cuxos sentimentos morais son mellores que as leis existentes”. Poñer un anuncio con discriminación incorporada sen ningún pudor non debería estar permitido nun estado de dereito. E menos aínda que un medio acepte publicarcho sen rechistar sequera.

Pola miña banda, enviei unha queixa ao Faro de Vigo. Se coincides comigo neste enfoque, indícovos que na súa web aparecen varios enderezos electrónicos aos que dirixirse.

En fin. Espero velo desaparecer o antes posíbel.

PD: queda confirmado. Algúns galegos xa non se lembran de que, non hai moito, as extranxeiras ás que terceiros (merdeiros) pedían que se abstiñesen eran as nosas nais, as nosas avoas, as nosas tías, etc.

Por: XOSE LARVOS | porca miseria | Comentarios (14) | Referencias (0)

Martes, 06 de Xuño de 2006

Algo me di que non vou polo bo camiño!!!




Así que haberá que decirse a dar o salto...

Por: XOSE LARVOS | cousas miñas | Comentarios (4) | Referencias (0)