Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

cousas deste tempo

Xoves, 10 de Novembro de 2005

ACTO INAUGURAL

Cortando a bandeira....

Pasei uns días revisando os actos inaugurais dos diferentes blogs que hai espallados pola rede en procura dunha faísca de inspiración para botar a andar este que agora estou a poñer (quizais debera deixalo en “intentar poñer”) en marcha. Pero non acho nada que sirva de estímulo. Sentín, iso si, varias veces a tentación do plaxio, ao comprobar, cunha mestura de ledicia e desacougo, o brillantemente que algúns saben arrancar, mentres outros seguimos que nin arre nin xo, ou como di a miña avoa, “a velas vir e deixalas pasar”. Pois si. Sentín ledicia por mor da diversión que as enxeñosas presentacións me depararon e, ao mesmo tempo, abafoume un arrebato de angustia ao temer que xamais o meu maltreito maxín alcanzaría tales cotas de bo facer. Pásame como supoño que nos pasa a todos os que temos soños e aspiracións literarias ao ler a Borges: por unha banda divírteste, pero pola outra comprendes que, comparado con aquilo, ante semellante alarde de intelixencia, estás condenado a ser por sempre xamais nun ninguén, un lumpenescritor, un paria do teclado. E alá van os folgos que con tanto esforzo fora acumulando.

...Preciso repoñerme. Non é nada, de verdade que non é nada. Estou como mareado, pero pásaseme nun momentiño...

Ben. Agora que me recuperei da vea fatalista que me atacou a traizón, tentarei volver á carga. Curiosamente, na miña terna infancia, adoraba os actos inaugurais. Cando pola tele retransmitían esas solemnes congregacións de garabatas nas que se corta a banda coas cores da bandeira pertinente, se espeta unha botella de champaña contra o casco, ou se pon a primeira pedra, eu ficaba abraiado, ollando a pantalla con toda a miña atención, sumido nunha profunda emoción, e desexaba con tódalas miñas forzas saír naquela foto e formar parte daquel testemuño para a posteridade. Era como estrear zapatos, pero en plan besta: hoxe abrimos a autovía, hoxe estreamos fragata, Galiza xa conta cun novo polideportivo rodeado dun tupido manto de mimosas... emocionante, non si? Pero co tempo, desgraciadamente, aquela inocencia esmorece. E onde antes contemplaba unha festa que na que se amosaba o progreso da humanidade, agora xa son so quen de ver un fato de politicuchos practicando o autobombo. A manía do Fragasaurio de inaugurar trepecentas veces a mesma autovía, non so me tirou da infantil inxenuidade, senón que mesmo me fixo abominar do acto inaugural, con tal vehemencia, que até estou a sentir arrepíos ante o estreo do meu propio blog... o problema é que nisto, aínda que so sexa nisto, pois resúltoche ser imprescindíbel. Así que vou ter que tirar folgos de onde sexa.
Non é este o meu primeiro intento de botar a andar un blog. Xa outras veces me puxen ao asunto, pero ao final, sempre acababa por pasarme como a Terminator: váiseme apagando o piloto vermello do ollo, e fico definitivamente avariado. E todo sen chegar sequera a percibir ningún sinal de que ALGUÉN lera o que alí espetei. Porque aí está unha das claves: un escribe un blog porque sinte que ten cousas que dicir, e apetécelle que alguén o escoite. É, dalgún xeito, como guindar un SOS ao mar, dentro dunha botella. No meu caso, até o de agora, so padecían os meus delirios periodístico-literarios a miña nai (que cada vez está menos pola labor), algún amigo (que deus llelo pague) e a miña moza (de xeito que non precisa demostrarme de ningún outro xeito o seu amor. Que non se fartase aínda de que lle lea a viva voz os meus textuchos é demostración abondo), pero agora, como a gripe aviar, ameazo con estender a miña maldición aos catro ciberventos. A ver canto me dura esta vez a arroutada.
Toca agora darlle nome á criatura. Non se me ocorre nada propio e orixinal para bautizalo, así que vou plaxiar á miña avoa. Esta sabia muller, cando sinte algo estraño ou anómalo en si mesma, adoita mirar ao ceo e, con xesto contrariado, exclama “é cousa deste tempo”. Como a min acompáñame desde sempre unha certa sensación de estrañeza respecto ao mundo, e tamén unha faísca de anomalialidade (acabo de inventar un palabro, así que agardo ansioso os parabéns da ILG por enriquecer o diccionario), pois xa está: acaba de nacer “cousas deste tempo”.
E con isto, este blog queda inaugurado!

Por: XOSE LARVOS | Xeral | Comentarios (0) | Referencias (0)

Comentarios

Comentar


Recordar datos

LaInformacion.com lainformacion.com - Medio Oficial de los Premios Bitacoras 2009