Dúbidas, zozobras, e manobras dun enxeñeiro arrepentido
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com
Venres, 18 de Novembro de 2005
Historia dun arrepío.
Onte foi un deses días nos que sinceramente un lamenta non ser un deses tecnófilos que precisan ter no peto o último modelo de móbil. De ter sucumbido a ese gregario consumismo, quizais podería ter filmado e conservado para a posteridade todo un documento histórico de imaxe e son. Como non teño no peto un deses cacharros con cámara, gravadora, e airbag de conductor e acompañante, non puiden acometer tal encomiábel tarefa histórica. A perda é xa irreparábel, pero podo, cando menos, asumir a tarefa de narralo.
Pois resulta que andaba eu as voltas cos trepecentos documentos que, segundo AENOR, hai que ter cubertos para certificar que somos unha “empresa de calidade”, cando sentín o urxente desexo de volver de novo ao baño. Non é que ande frouxo de ventre (esas cousas, ademais, non se veñen a contar aquí); o que acontece é que, desde que se prohibiu fumar na nosa empresa, volvo ter que andar ás agochadas, como na adolescencia, de xeito que fago máis horas de retrete que un cativo logo dunha enchenta de kiwis mesturados cos iogures eses que anuncia José Coronado. Este patético proceder -a miña idade xogando ao escondite!!!-, ademais dunha horríbel sensación de ridículo, estame a reportar dúas espantosas consecuencias. A primeira é que está a renacer en min unha vella psicose adolescente: cada vez que vexo ao meu pai, teño que reprimir o impulso de tirar o cigarro ao chan, como se non levase xa dez anos véndome fumar. A segunda é que, mentres repouso no trono, deleitándome nas caladas clandestinas, podo escoitar á perfección as conversas que manteñen entre si os do “hangar” do lado dereito (xa se sabe: as paredes, nestes nicho-oficinas de pladur -ou como se escriba- illan tanto o son como o faría unha cortina de encaixe de bolillos). Non teño alma de porteira, de xeito que, a verdade, para o que hai que ouvir, como Baterbly o escribinte, “preferiría non facelo”, pero non me queda outra: teño que escoller entre escoitalos, aguantar o monazo nicotinainómano, ou perforar os tímpanos co portaminas (nota a min mesmo: por unha clara cuestión de imaxe pública, a partires de agora cómpre reprimir o máis posíbel a vehemencia intestinal cando os fins da sentada no trono sexan outros). Das tres alternativas citadas, aínda que desagradábel, a de resignarme a escoitar esas conversas resúltame a menos traumática. Así que supoño que, a menos que deixe de fumar, seguirei a exercer de orella profunda durante algún tempo. E deixando constancia de que non pretendo con isto acometer unha vinganza rancorosa contra o que escoitei dicir, pois sei de sobra que non sería xusto xulgar a alguén polo que di nun determinado intre, sen saber que está a ser escoitado (iso sería facer trampas. Todos dicimos, en determinados ámbitos, cousas que, fóra daquel contesto, nos avergonzarían), procederei a comentar a experiencia vivida.
Estaba eu, como ía dicindo, calada ven, calada vai, cando escoitei como dúas sinistras voces de ultratumba poñían a caldo, sen piedade, a outros dos membros do plantel da miña “amada” empresa. Queixábanse vehemente da súa vagancia, da súa falta de productividade, do seu pouco espírito de sacrificio, da súa carencia de entrega ao traballo, da súa tendencia ao escaqueo... en fin. Todas esas cousas que sempre teñen na boca os arribistas corporativos de toda a vida, empeñados en forxarse “un futuro” a base de ser máis papistas que o papa e máis ricos en exabruptos que o capataz. A súa conversa fíxome esbozar un sorriso. Malia que eu adoito estar entre os declarados improductivos (dado o amplo inventario de insultos que escoitei ao longo da miña vida, o de “improductivo” resúltame absolutamente intranscendente), este perfil de persoa cotilla e servil ségueme a dar máis magoa que outra cousa. Non consigo terlles, nin tan sequera, manía, pois no pecado, despois de todo, vailles a penitencia (resúltame incríbel que manteñan tan firme lealdade a unha multinacional cando saben de sobra que estas non lle son leais a ninguén, e que os xefazos non dubidarán desmantelar o chiringo cando lles pete, ou cando lles preste trasladalo a Letonia na procura de man de obra aínda máis barata). Cando saín do baño non puiden deixar de botar unha ollada ao panorama onde tiña lugar tan aparatosa conversa: nunca está de máis saber quen está a facer tan grandes méritos para ser, malia ter un salario case de supervivencia, o cadeliño preferido dos que catro capullos que cambian de coche coma nós de abafante hipoteca á conta do noso esforzo e das nosas horas extra non remuneradas. É foi entón, ao saír e me achegar á entrada da súa sección, cando contemplei un dos maiores esperpentos aos que tiven o pracer de asistir nos últimos tempos. Porque resulta que, en plena xornada laboral –aproveitando que non había xefazos na costa-, os dous tipos que lles estaban a chamar vagos aos demais, ofrecían a seguinte bucólica estampa: un en pe, apoiado na parede, ollando cara o teito, coas mans nos petos, e o outro (e teño que xurar que é absolutamente verídico), cos pes sobre a mesa, e co Google Earth na pantalla do portátil rastreando Pensilvania. Ou sexa: que menudo exemplo de laboriosidade que estaban a dar eles mesmos. Eles que con tanta vehemencia criticaban os escaqueos alleos. Foi o que se di un diálogo e unha escena digna dos Tonachos. “Como choiamos, meu”, que lle dicía a mosca da orella ao boi. Como para telo inmortalizado, non si?
Gustaríame ter conservado este documento para a posteridade, pois sería todo un exemplo práctico e inapelábel para facerlle ver a alguén curto de entendedeiras o significado da frase feita “ver so a palla no ollo alleo”. E aínda que logo de contemplar tan dantesco panorama, estiven media tarde rindo eu so como un tolo, xuro que non quero repetir nin esa nin ningunha outra experiencia semellante. Porque estas cousas, a primeira vez teñen a súa graza, pero de ser reiterativas acaban por agrear os espertares e afoutar o odio aos arribistas en particular e á humanidade en xeral. E para iso xa me apaño eu so. Así que, for if the flies, xa me axenciei un par de tampóns de ouvidos dos que empregan os operarios da fábrica que traballan coas serras circulares. Segundo o plano de riscos laborais, “cómpre protexerse da contaminación acústica”. Pois iso. Desde mañá xuro dar exemplo. E, por suposto, a miña productividade seguirá indo parella á miña nómina. De balde eu axudo á familia, non a unha Sociedade Anónima.
Por: XOSE LARVOS | Xeral | Comentarios (0) | Referencias (0)