Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

cousas deste tempo

Martes, 24 de Xaneiro de 2006

Que fodido é ser de AQUÍ!!!

Logo de asistir a unha xuntanza da comunidade de veciños, un non pode deixar de preguntarse por que hai xente que estraga tantos cartos, tempo e medios en practicar deportes de risco. Para que ir a unha afastada ponte a tirarse dela pendurado dunha corda na procura de sensacións límite, cando se poden vivir situacións moito máis extremas e perigosas, que esixen máis da nosa pericia para saír indemnes, sen tan sequera traspasar o portal do edificio? Nunca o entenderei.

Sempre posuín un moi sólido sentido do deber que me obriga a cumprir rigorosamente cos compromisos sociais por moi desagradábeis que estes me resulten. Non sei se é cousa da conciencia, do supereu que nos describiu Freud, ou dalgún episodio traumático da infancia que non lembro, pero o caso é que ese sarxento da benemérita que todos levamos dentro, a min ordéname que me presente puntualmente en tódalas reunións da comunidade, por máis que o único que consiga tirar delas sexa un sobranceiro aumento da actividade da vesícula biliar, un incremento nas existencias de malos humores, e volver cara casa cun espantoso sabor a vinagre na boca. Por moito que xure “esta é a última” remato sempre por volver de expedición a esa especie de delegación que o inferno abriu na miña vida.

Lembro que hai cousa de ano e medio, máis ou menos, nunha das xuntanzas, unha veciña, cunha inusitada histeria que non facía máis que lembrarme (son da xeración audiovisual, non o podo evitar) á nena da película “o exorcista”, soltounos un discurso de tres cuartos de hora (cando, xusto o mesmo, se podería ter dito en trinta segundos) para compelernos a apoiar a súa idea de expulsar da comunidade a unha rapariga uruguaia reincidente no malo costume de poñer música a máis volume do que recomenda o sentido común e seguramente tamén os cimentos do edificio. Recoñezo que, en circunstancias normais, ese defecto resultaríame insoportábel. Un veciño irrespectuoso, deses que teñen a necesidade de facer partícipe do seu ocio a todo o mundo que habite en douscentos metros a redonda, é unha das cousas que directamente me convidan a trasladarme definitivamente a unha palloza da serra do Courel para non volver nunca máis a pisar ningún territorio cunha altitude media inferior aos mil metros. Non embargante, a excesiva duración do discurso, que conseguiu aburrir até as arañas, xunto coa patética saña coa que a miña veciña se manifestaba contra da rapaza uruguaia, lonxe de alimentar a pretendida antipatía cara ela, foi máis ben forxando en min o desexo de virar ao seu favor. Cando a señora do demo culminou a súa crítica coa expresión “y aun encima no es de AQUÍ”, sentín como o combativo espírito dos charrúas se apoderaba de min, facéndome tomar unha firme determinación: a uruguaia quédase. Como hai deus que se queda!!!

Tardei horas en esquecer aquel “y aun encima no es de AQUÍ”. Sobre todo a última palabra: AQUÍ. Porque coidado, é sinxelo trabucarse. Aquies haiche moitos. Non é o mesmo aquí que AQUÍ. Un AQUÍ, cando é exaltado, cando viaxa cargado de pirotecnia estridente e armado de connotacións excluíntes éche moi perigoso. Un pode gustar da comida de aquí, dos viños de aquí, mesmo falar de xeito militante a lingua de aquí, e non pasa nada. Pero cando o aquí se converte en AQUÍ, entón xa hai que ter coidado; un AQUÍ sempre é unha muralla que exalta a segregación. Por iso hai sempre que saber diferencialo do aquí, que é unha ponte tendida a todos. Pero aquel, sen dúbida, fora un AQUÍ.
Como xa dixen, un veciño musicalmente molesto (non era so cousa do volume, aínda por riba poñía salsa) é para min unha das demostracións do carácter verídico e inapelábel da máxima o inferno son os demais. Conseguir azos para defendela implicou levar a cabo todo un plano de autosuxestión psicolóxica: pensei no suxerinte abaleo da súas cadeiras subindo as escaleiras; afouteime coa inxenua fantasía dun ligue que derrubara os muros da rutina e sacudise a poeira do meu corazón; imaxineina no meu cuarto, chorando a saudade pola súa terra sobre o meu ombro e a min mesmo dándolle o consolo que precisaba. Pode parecer sexista, pero so así conseguir esquecer a salsa do carallo abalando as paredes as catro da mañá. Mais ao final todo foi en balde: non fixo falta botala. Allea ás conspiracións e estratexias defensivas que se urdían ás súas costas, un bo día, sen máis, marchou.

Dela quedou no edificio so o recordo, un silencio insoportábel, e unhas aínda máis aburridas reunións da comunidade de veciños; iso e outro amor imposíbel engadido ao meu patético expediente de sombras e brétemas. Non sei por onde andará nin que aquies percorren agora o seus pasos. Pero agora que estou con Ela, e que provén dos cálidos mares do sur (ou sexa, dun aquí ben distinto de tódolos aquies que manexamos por aquí) síntome orgulloso de ter posuído, naqueles intres, o firme desexo de tomar partido por aquela rapariga, en contra os partidarios do AQUÍ. E nesta noite na que evoco o seu recordo, so desexo que perdese os seus malos costumes e que, vaia onde vaia, ande sempre por aquí e nunca por AQUÍ. Porque a xente que é de AQUÍ prodúcelle urticarias a calquera.

Por: XOSE LARVOS | porca miseria | Comentarios (4) | Referencias (0)

Comentarios

Resumiches á perfección a sensación que eu teño tido moitas veces de fastío nesas reunións ás que, tampouco sei por que, non sei faltar a pesares de que só me fan mal. Habería que animarse a escribir un libro contando todas esas cousas que pasan AÍ, nas reunións. Parabéns polo blog.

náufrago | 31-01-2006 21:21:15

Non sei se por sorte ou por desgracia, eu xa desistín hai moito tempo de ir ás xuntanzas de veciños. Parécenme unha perda de tempo e ademais non me gusta nada o "vinagre". Xa bastante teño noutros "foros".
O de vivir "AQUÍ", desgraciadamente aínda abunda bastante. Supoño que é falla de cultura, da nosa e da dos demais.

Oskiña | 02-02-2006 13:06:56

¡¡¡Que ledicia ter neste esquecido blog os primeiros comentarios!!! E xusto a tempo: estaba a piques de convertirme ao solipsismo.
Unha aperta.

Larvós | 02-02-2006 20:03:39

Chegamos a tempo entón.
Saú2.

Oskiña | 02-02-2006 21:39:05

Comentar


Recordar datos

LaInformacion.com lainformacion.com - Medio Oficial de los Premios Bitacoras 2009