Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

cousas deste tempo

Xoves, 02 de Febreiro de 2006

As conviccións dos convencidos.

Nunha acalorada e amigábel discusión, que a medida que consumía minutos e copas de viño se volvía máis acalorada e menos amigábel, un servidor rematou por padecer un desacougante reproche co que se me recriminaba “carecer de conviccións”. Non sei se é o meu costume de intentar analizar diferentes puntos de vista, de abundar en matizacións, de non darlle a razón a ninguén en todo, ou se será simplemente a miña teima de buscarlle o terceiro pe ao gato, pero o certo é que tódolos presentes asentiron, ratificando así reproche, subliñando o mesmo, e conferíndolle á acusación un efecto altofalante que fixo tremer os meus tímpanos, alterar os meus miolos, e monopolizar, desviándoa dos efectos secundarios do baile con Baco, a miña atención durante o día seguinte.

Nunca fun un deses tipos enxeñosos aos que, espontaneamente, se lle ocorren respostas e saídas para todo. Mais ben todo o contrario: recoñézome mellor entre eses coitados aos que as boas respostas sempre lle veñen á cabeza dúas horas a destempo, cando xa so serven para rosmar maldicións, conter exabruptos, e alimentar a úlcera de duodeno. Por iso, logo de escoitar o reproche, o único que fixen foi ficar en silencio, desconcertado, darlle outro grolo a copa de albariño e desafogarme devorando un cacho de empanada, coa vaga esperanza de que, con iso, fose menos desagradábel engulir o meu propio orgullo.

Ao día seguinte espertei como sempre en tales circunstancias: tusindo, con dor de cabeza, a boca seca, e un paquete de tabaco baleiro no peto da zamarra. Pero esta vez, ao inventario de danos colaterais provocados pola noite de esmorga, uníuselle o desacougo de saberme, por unanimidade popular, un tipo sen conviccións. Ou o que é o mesmo: un fulano sen carácter, un incoherente, un ninguén. En definitiva: un paria.

Fiquei uns días coa alma escorada por mor da nova tara en min descuberta, e mesmo estiven a piques de visitar a un psicanalista por ver se así, ao erguer este o sollado dos meus miolos para remexer no meu subconsciente, achaba as razóns polas cales sufro este mal, este estado carencial, esta terríbel lepra das ideas. Non embargante (os deuses socorréronme) uns días despois tiven un efémero intre de inspiración, e comecei a cuestionarme as razóns da boa prensa da que gozan as conviccións. Porque, desde logo, así en abstracto, as conviccións non che son nin boas nin malas, senón que son simplemente iso: conviccións. Convencidos están, supoño, os etarras, os chalados de AlQuaeda e ate os talibáns; convencidos de seren defensores da liberdade están os norteamericanos comúns que apoian a George Bush e a súa guerra imperialista. Por conviccións, e non por maldade, se cometeron as maiores barbaridades coas que carga a memoria da humanidade. O demo, seguramente, tamén está moi convencido.

Por que entón, preguntábame, seguimos a reclamar conviccións? Supoño que será (non dou con outra explicación) unha mera cuestión de utilitarismo: de entre a amplía oferta dispoñíbel nos bazares ideolóxicos da era da información, un escolle, de xeito meditado ou ao chou, un conxunto de opinións, crenzas ou ideas, e fainas súas. Automaticamente non precisa deterse a reflexionar nunca máis. Dispón xa, de seu, dunhas lentes coas que ollar a realidade e dunha camarilla (os que optaron polo mesmo modelo de gafas) á que abeirarse e coa que sentirse arroupado. Mentres os non aliñados corren detrás da realidade feitos un mar de dúbidas, procurando explicacións, contrastando opinións, en definitiva, perdendo o tempo, os convencidos, por arte de maxia, téñeno todo resolto e claro. Os indecisos (supoño que pensarán), eses escépticos que se senten sempre na obriga de reflexionar antes de emitir un xuízo, son todos un merdentos impredicíbeis que nin arre nin xo. Iso non pode ser nin xente.
Ganduxadas estas liñas (a vinganza é doce), síntome intimamente reconfortado coa miña condición impredicíbel, coas miñas respostas tardías (pero máis meditadas) e até a miña úlcera declarou unha tregua unilateral. Por fin contiven a secreción de fel e malos humores, e ademais até conseguín aforrar a visita ao psicanalista e, de paso, o embarazo das súas indiscretas preguntas. Ser pobre en certezas, convérteo a un en rico en dúbidas, do que resulta un estado permanente e suxestivo de tendencia a reflexión. As veces, paréceme a min, é mellor marear a perdiz un anaco que quedarse curto ou rematar vagando por esas bouzas ermas sementadas de ideas precociñadas a espera de que xermole algunha herbeira que nos alivie. Conviccións?; so as xustas. E que ninguén veña a me convencer do contrario.

Por: XOSE LARVOS | cousas miñas | Comentarios (2) | Referencias (0)

Comentarios

Non quero convencerte de nada pero... estás convencido do que dis?

Non, en serio. Cando as conviccións baséanse na "fe" e non, como dis, na investigación e na reflexión, córrese o perigo de se converteren en fanatismo. E iso pode chegar a ser moi perigoso. Desgraciadamente, nos últimos tempos estamos a ver moitos exemplos diso.

Aiii, as discusións e o viñooo é o que teñen...

Oskinha | 09-02-2006 14:47:01

Ademais da “fe”, hai xente que semella que, para opinar ao respecto de algo, semella agardar a escoitar a voz dos líderes de opinión. A min tampouco me chista nada esa xente (da ideoloxía que sexan) que, antes de opinar, precisan saber que din ao respecto Aznar, Zapatero, Rajoi, Beiras, Quintana, Ferrín... o quen sexa, e logo repiten, como un cliché, esa opinión.
En fin. O que pretendo é defender as propias opinións desde a propia perspectiva, sen repetir a ninguén nin seguir ao pe da letra partidos ou cofradías.

Larvós | 13-02-2006 14:11:22

Comentar


Recordar datos

ADN.esADN.es Medio Oficial Premios Bitacoras 2008: Rock in rio