Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

cousas deste tempo

Luns, 06 de Febreiro de 2006

Os "despeñaderos" do castelán

De cando en vez póñome a ver algúns dos vídeos que teño gravados do extinto programa “Negro sobre blanco”, que tan ben conducía Fernando Sánchez Dragó, e que era unha cita fixa que tiñamos os lletraferits os domingos pola noite; a nosa imprescindíbel dose semanal de morbo literario. O programa pechárono -ou iso din as malas linguas- a raíz do cambio de hóspede da Moncloa, como vendetta pola amizade persoal de Sánchez Dragó con Aznar en particular, e polo seu manifesto apoio ás campañas do PP en xeral. En fin, foron coiteladas desas que as forzas políticas se dan entre si sen perder o sorriso, e sen deixar de falar da liberdade de expresión, a pluralidade, etc. Por aquí de xogo sucio sabemos bastante, así que tampouco se vai extrañar ninguén... en todos lados cocen fabas.

Non teño o mal costume de andar a mirarlle a ninguén ás credencias ideolóxicas para ofrecerlle, regatearlle, ou negarlle as miñas simpatías, e moito menos para saber valorar na súa xusta medida o bo facer no seu traballo, e por iso non teño rubor algún en recoñecer que me gustaba aquel programa, e aínda máis o gusto entre rariño e cultureta que lle daba Dragó, con esa peculiar mestura de budismo e misticismo que non lle impedía ser nietzcheano, nin admirador de Bakunin ou Buenaventura Durruti. E iso todo iso sen deixar de simpatizar coa dereita. Que manda carallo!!!

Rarezas do presentador aparte, gustábame moito aquel programa, moito máis que o “estravagario” que o substitúe, e mentres non bote a andar na TVG ESTE que nos anunciaba o náufrago non me queda máis que consolarme cos vellos vídeos VHS de “Negro sobre blanco”. E resulta que onte, ollando un deles para matar a saudade, escoitei con consternación un laio que Drago emitiu cheo de afectación, no que advertía que a expresión “medio ambiente” é unha redundancia, pois “medio” e “ambiente” son sinónimos, para logo advertir que o feito de que erros deste tipo se espallen sen rubor de ninguén nin corrección algunha amosa que o castelán (literal) ía dereito ao “despeñadero”.

Non serei eu quen banalice a importancia do correcto uso das palabras, pero a verdade é que me deu verdadeira envexa escoitar ese laio. Nada de envexa san, nin lerias desas; deume puta envexa, así de sinxelo. A envexa de toda a vida. Porque quén nos dera a nós que os perigos da nosa lingua fosen ás redundancias, os anglicanismos tipo “software”, e esas minucias que tanto preocupan aos da outra beira do macizo galaico. Qué ben estaríamos se so estivésemos así de mal!!! Porque (e non me vou a poñer agora a enumerar os archicoñecidos problemas da nosa lingua) se o castelán está ante un despeñadero, o galego debe estar, como mínimo, a ser succionado por un burato negro... ou a piques de espetar cunha galaxia de antimateria... ou a rolar por un acelerador de partículas en espera da colisión que o convirta en faragullas cuánticas. Desgraciadamente, o noso problema non é que “medio ambiente” sexa tamén unha redundancia en galego, senón que, se non damos con solucións de urxencia, non pasará moito até que lingüisticamente desaparezamos do medio. E tamén do ambiente.

E iso si que é un despeñadero de verdade.

Por: XOSE LARVOS | Xeral | Comentarios (5) | Referencias (0)

Comentarios

Mui bo comentario.
A nosa lingua esta caindo por ese "despenhadero" en caida libre. Dende logo, hai que lle ter envexa a lingua espanhola que se manten con catro imperfeccions que son doadas de extirpar.
Un saudo.

acedre | 06-02-2006 21:17:28

Grazas polo de "moi bo". Agradécense os folgos.

Larvós | 07-02-2006 14:33:33

A nosa lingua leva moito tempo enferma. Cando era mais pobre non tiña médico que a coidara... agora ten tantos que non lle dan atopado a enfermidade.

pepe penas | 07-02-2006 21:28:59

Pepe, pois é a túa unha reflexión interesante. Pensei moitas veces algo parecido cando andan coas batalliñas da normativa, que -ble ou que se -bel... e mentres tanto... En fin. Xa non sufro por isto: límito a constatar e desafogar cun post impotente. Por aquilo de que non me colla o frío, polo menos.

Larvós | 07-02-2006 21:42:48

Grazas por ligar ao meu comentario. Estou de acordo en todo, pero non sei se hai que buscar solucións ou, directamente, cambiar de País. Porque, inventos, xa van uns cantos.... e seguimos a perder falantes..

náufrago | 08-02-2006 18:21:35

Comentar


Recordar datos

ADN.esADN.es Medio Oficial Premios Bitacoras 2008: Peliculas de estreno