Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

cousas deste tempo

Luns, 13 de Febreiro de 2006

Lletraferit.

Falábanos hai uns días o náufrago do blogomillo de escritores tolos, e lembráronme as súas palabras outro concepto, outra xeito de tolemia, cuxa sona non está tan difundida por mor da penumbra do anonimato de quen a padece, pero que penso que tamén merece unhas modestas liñas: o lector tolo.

O termo máis axeitado e descritivo para nomear a estes doentes provén da lingua catalana, e é unha palabra preciosa: lletraferit (ou letraferido, nunha traducción made in feito na casa). Con ese adxectivo son (somos) caracterizados aqueles que senten cara os libros e a literatura algo que supera á simple atracción. É este un sentimento que vai máis lonxe. Unha especie de atracción morbosa, obsesiva, convulsiva... en fin, haiche tolos aos que lle da por ouvearlle á lúa e haiche aos que lles dá polos libros. Os letraferidos son estes últimos.

Se alguén vos dixese “poñede un letraferido na vosa vida”, e tivesedes a desgracia de facerlle caso, poderiades comprobar que un letraferido precisa ir mercar libros, como mínimo, unha ou dúas veces á semana. Ou, se a nómina -ou a súa ausencia- non llo permite, como mínimo ir a remexer neles. E dá igual que o estante dos asuntos pendentes estea ateigado, e que teña alí suficiente literatura como para converter a Baltar na versión ourensá e Wiston Churchill; non é unha cuestión de fornecerse: o letraferido é unha especie de ionqui dos libros. Precisa meterse outra dose: collelos, mexer neles, cheiralos, palpalos, desordenalos, volver a ordenalos, investigalos, outealos, saber cales ocupan as vitrinas privilexiadas, comprobar unha e outra vez como as cadeas de librerías dispoñen nas mellores posicións aos das súas editoriais afíns, e como os xornais dese mesmo grupo media adican extraordinarias críticas aos mesmos... en fin. Todo o que cheire a “libro” aínda que sexa a anos luz de distancia, interésalle. Un cadro claramente patolóxico.

No plano físico, non creo que o letraferido teña unha complexión especial. Non se lle nota moito, ou cando menos non ten nada que cante demasiado. Camúflanse entre a xente normal razoablemente mal. Aínda así, e por experiencia propia, aventurarei a citar dúas características básicas que si se poden percibir, e que poden ser útiles para manterse afastado deles:

- É profundamente miope. Algúns confunden a súa mirada esquiva e profunda en clave equivocada. O lletraferit pode parecer que vai pola vida ollando cara a cara ao infinito... pero non. Non olla o infinito. De feito non olla nada. Simplemente chisca os ollos porque non mira un pemento. O lletraferit bota media vida alimentando dioctrias coa mesma vehemencia coa que o fumador compulsivo alimenta esfisemas, e ao final quédaselle cara como de estar pensando na teoría da vontade de Shopenhauer cando, no fondo, simplemente reflexiona sobre como fritir unhas croquetas en torrar as falanxes no intento. Con demasiada frecuencia (outra vaca no millo!!!) alimenta dioctrias e esfisemas coa mesma regularidade. Cun libro na man, ¿a quen non lle apetece un pitilliño???

- Xamais marcou abdominais na praia. É cousa das longas horas de sedentarismo que require a lectura. Cando algunha moza adobía a alguén co célebre “ten abdominais”, o letraferido non lle queda outra que consolarse co pensamento de que el tamén ten abdominais. Ver non os viu nunca, pero seguro que os ten. En algures, alá no profundo do seu corpo, hai uns abdominais puros e virxinais, non-natos, que xamais viron a luz do sol, e que agardan ansiosos as doces mans que os palpen con gusto. Persoalmente, recoñezo que algunha vez sucumbín ao pecado capital do letraferido, algo que supón a automática expulsión do priorado: apuntarse a un ximnasio. Logo de tres meses de esforzos e cando, con respecto aos meus abdominais, xuro que estaba a piques de realizar o primeiro avistamento, tirei a toalla. Non pagaba a pena perder tantas horas naquilo. O estante dos asuntos pendentes medraba e medraba sen parar, e non lle daba botado o dente como está mandado... aquela serpe de oito cabezas inzaba o meu espazo vital coa vehemencia coa que os eucaliptos e as mimosas invaden as fragas, e mesmo ameazaba con expulsarme, por mor da presión, da miña propia casa. Ao final fixen o que tiña que facer: quitar o chándal, poñer as gafas, e atacar á besta con tódolos meus folgos. E, de paso, despedinme dos meus abdominais para sempre.

Se algún dos lectores deste blog (ten isto diso???, será???) incorre no erro de facer amizade, non esconder o parentesco, namorar dun letraferit, ou simplemente non repudialo, so dicirlle por último que a única avantaxe que teñen é que non hai que darlle voltas ao regalo do Nadal, do aniversario, ou do que sexa. A estas alturas calquera sabe o que quere. Un libriño. E dá igual que xa o teña, ou que non lle guste, ou que nin pense na posibilidade de léelo algún afastado día, nin sequera aló, na xubilación, no autobús do Inserso camiño de Torremolinos. Ante un libro a un letraferido sempre se lle queda unha cara de ledicia que nin un cuñado de Baltar estreando despacho na deputación.

Supoño que ter a ledicia así de accesíbel non deixa de ser unha avantaxa. Algo de bo tiña que ter toda esta desfeita.

Por: XOSE LARVOS | cousas miñas | Comentarios (2) | Referencias (0)

Comentarios

Eu son un ionqui dos libros, como acertadamente dis, e estou encantado de selo: Ten os seus inconvintes, pero, sen dúbida, é peor ter outros vicios ( querer concursar en Gran Hermano, por exemplo ) E, por certo, tamén son un ionqui deste teu blog.

náufrago | 15-02-2006 10:17:47

Eu tamén estou contento coa miña adicción. A autoretranca que lle aplico ao tema débese tan so a que intento non desaproveitar ningunha ocasión que se me presente de rirme de min mesmo. A vida así faíseme máis agradábel.
Saúdos

Larvós | 15-02-2006 16:42:33

Comentar


Recordar datos

LaInformacion.com lainformacion.com - Medio Oficial de los Premios Bitacoras 2009