Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

cousas deste tempo

Xoves, 23 de Febreiro de 2006

A “valentía” dos lercháns.

Apoloxía da deserción.

Debo confesar que, como todos aquela tarde de outono, tamén eu sucumbín ao arroubo cando escoitei, de beizos daquel mestre con tan boas dotes de contacontos, a historia da épica resistencia d’O Medulio*. No do fragor do relato, a miña infantil imaxinación ateigouse de orgullo ao coñecer tan romántico comportamento por parte dos bravos guerreiros galaicos. Por uns intres -debe ser cousa da testosterona e a súa teima de incitarnos á virilidade extrema e refractaria á razón- todos podemos ser posuídos polo espírito de don Eduardo Pondal. E aquel día –lémbroo nitidamente- eu, efectivamente, fun posuído. Case podo escoitar o voo dos corvos de Xallas franqueando os meus soños...

Moitos anos despois, percorrendo as vereas tortas e inhóspitas da súa conversa, G. e máis eu, unha boa tarde, non lembro xa nin como, vímonos pasando revista ás nosas lembranzas sobre a lenda do monte Medulio. Este, coa súa saudábel mestura de parsimonia e bo humor, desbaratou para sempre o meu romántico recordo de tan épica pasaxe cun so golpe de maxistral cinismo: “a verdade é que os do Medulio éranche un pouco talibáns. Porque unha cousa é que, por heroísmo, dignidade ou orgullo, un opte polo suicidio antes que a derrota. Agora iso de suicidar a todo o pobo, incluídos os cativos, ese ímpeto que os levou a converter en heroes e mártires incluso aos que -e seguro que os había- carecían de vocación heroica... en fin, a min iso xa me cheira mal. Ademais, ¿sabes que che digo? Que eu antes de morrer envelenado con extracto de teixo prefiro mil veces ser conquistado. Polos romanos, os viquingos, os tártaros, ou mesmo os teletubbies. Tanto me ten”. En fin, ante a solidez de tales argumentos, non tiven máis remedio que darlle a razón. Como se soe dicir: “ cando é, é”.

Supoño que resulta moi sinxelo -temo que demasiado- glorificar o valor e o sacrificio cando é o pelexo doutro e non o propio o que se pon en xogo ou o que pasou pola folla. Aplaudir a resistencia do Medulio, louvar a suicida carga de cabaleiría de Crimea ou honrar a determinación de Leónidas o espartano pode serche ben sinxelo e mesmo vistoso... mentres un se vexa só involucrado na loa e non en feitos semellantes. O peor de todo isto, malia a evidencia do disparate, é que, en canto te desvías dese camiño retórico, rapidamente rematas por ser tachado de covarde. Non vivimos momentos moi dados á épica (no fondo, sospeito que esta sempre pertenceu ao pasado, incluso no pasado), mais as faíscas do desatino chegan até a contemporaneidade. Un exemplo claro e autóctono tivémolo no caso do conflicto do fletán e o apreixamento ilegal do Estai. Soubemos hai uns meses, por mor da publicación das memorias de James K. Bartleman, asesor diplomático do entón primeiro ministro Jean Chrétien, que o titular de pesca Brian Tobin era partidario de declarar a guerra a Hespaña. Cando o belixerante ministro foi recriminado por Bartleman, asegurándolle que baixo ningún concepto ía aceptar que se mandase a morte a quen sabe cantos mozos hespañois e canadenses por algo que se podía resolver vía diplomática, este respondeulle chamándolle covarde e conainas. En fin, todo un clásico. A versión ministerial do tabernario: “¡¡¡a ti o che pasa é que non tes ghuevos!!!”.

Pero afondando no tema, deberíamos preguntarnos a conto de qué viña tal insulto. Se o ministro Tobin, tan pagado de si mesmo, tan sobradito el, tiña tantas gañas de pelexa, podía deixarse caer por Cangas ou Moaña, onde súa popularidade estaba alcanzando cotas descoñecidas, e plantarlle alí cara aos mariñeiros de altura aos que estaba a putear coa súa teimosía. De ter feito iso, de ter eses “santos ghuevos”, ninguén dubidaría do seu valor. Pero que non nos veña ese milhomes a presumir de valente cando el estaba comodamente sentado ao abeiro dun despacho ministerial e so era o pelexo de outros e non o propio o que estaba disposto a poñer en perigo. Porque así calquera vai de galo pola vida, ¿non si?

E se seguimos a afondar, máis do mesmo se pode dicir deses que afirman que aplaudir a decisión do executivo hespañol de retirar as tropas do Iraq nos converte a todos en sospeitosos de sermos uns conainas aterrados e vencidos polos terroristas (para máis información visítese a güep da FAES ou léanse os mamotretos neocons varios que hai no mercado. Eu sinceramente, paso de molestarme en andar a buscar enlaces. ¿Para que? Teñen o peor defecto que para min pode ter un libro: que non faga falta abrilo para saber sobra o que nel se di). Pola miña banda, lonxe de negar nada, ben afastado de calquera xustificación, gustaríame desde aquí ratificarlos na súa sospeita: eu mesmo déboche ser un deses conainas. Non negarei que me asusta moito a posibilidade de que os trens estoupen como foguetes, como tamén me asustaría verme envolto no inferno iraquí. Por outra banda, imaxinarme subido a unha fragata rumbo ao atlántico norte para amañar, en misión belixerante, o que non souberon facer as autoridades competentes, así, de entrada, tampouco me produce sosego ningún. Será quizais que che son un pobre conainas (mira ti que cousa. Non imos nacer todos con alma de lexionario yo soy el novío de la muerteeee!!!!), agora, unha cousa si: o que non vou aceptar é que sas dean de valentes eses demagogos empeñados xogar co pelexo alleo para saírse coa súa. Porque, desde logo, evitar un conflicto usando o sentido común, ou apuntarse a lista dos desertores dunha guerra de saqueo na que non nos vai nada é, a todas luces, un dereito inalienábel de calquera ser humano. Valente non serei, vale, acéptoo. Terei que vivir con iso. Pero parvo tampouco.

Algún día, con sorte, dentro de moito tempo, serán aos desertores, e non aos xenerais, aos que se lle ergan estatuas ecuestres nas prazas...

*Divagación sobre O Medulio (nota para augafestas): de verdade, non me veñades con que non foi real, que non existiu, que é unha lenda falsa, ou que realmente ese monte estaba no quilómetro tres da estrada Chiclana-Guadalaghara, por que me dá igual. O Medulio so é un símbolo, un icono, unha imaxe arquetípica. Os escandinavos teñen á hoste de Odín e a Erik, e nós á santa compaña e aos guerreiros do Medulio. So son imaxes arquetípicas, e tódolos subconscientes colectivos as teñen. Antes de virme de listillos, moléstense en ler a Carl Jung, por favor. E logo, se tal, falamos. Listos, que sodes uns listos.

**Divagación sobre a divagación d’O Medulio: Perdoádeme o desafogo persoal, pero este puto país é así. Nin un post podes escribir tranquilo; aquí temos que explicar o que en ningures precisa maiores explicacións e case pedir perdón por existirmos. De verdade, as veces, cando o penso, sinto o desexo de pregar para que, no próximo ciclo kármico teña máis sorte e me reencarne en noruego, lituano, ou algo que sexa un pouco máis normal que esa cousa insortabelmente rara que con frecuencia é ser galego. Que aburrido é vivir permanentemente nun estado de realidade paranormal. La hostia

Por: XOSE LARVOS | Xeral | Comentarios (3) | Referencias (0)

Comentarios

Divagación sobre a divagación: tanto ten se as historias que nos emocionan son ou non certas. O importante é o que nos dán.

náufrago | 23-02-2006 10:30:56

O do Medulio é, como en todos os pobos, a necesidade de ter unha historia épica común na que afirmar a identidade. Como tal, acéptoa sen reservas, aínda que eu sempre preferín o do banquete de Conxo(totalmente real e demostrado). Sabes que, Larvos? Haberá que seguir camiñando, sen darlle explicacións a ninguén nin pedir perdón por existirmos. Por certo, alégrome de coincidir contigo no bando dos desertores.

Veloso | 24-02-2006 09:34:29

Grazas a ambos pola vosa complicidade.

Larvós | 27-02-2006 14:13:40

Comentar


Recordar datos

ADN.esADN.es Medio Oficial Premios Bitacoras 2008: El cuponazo