Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

cousas deste tempo

Luns, 27 de Febreiro de 2006

Enfundados en manias

Estiven o outro día escaravellando polos libros vellos, eses que lin hai xa bastante tempo, e ao abrir ao azar o “Meditacións” do emperador romano Marco Aurelio (uff!!!. Qué pedante soa isto, la hostia. Espero que saiban perdoarmo), percibín que tiña subliñada unha frase -dentro dun texto no que o autor honraba aos seus mestres sinalando as virtudes que deles aprendera- que ao relela me tirou un sorriso dos beizos. É a seguinte:

“Débolle a Diognetes, a aversión ás frivolidades {…}; a non dedicarme á cría de codornices nin enfundarme en parellas manías”.

¡Que simpático desasosego saber que levamos miles de anos emitindo os mesmos laios! Polo visto ao home (e mira que non leva chovido desde aquela) xa lle daban dores de moas ao ver as caralladas coas que lle daba por entreterse aos seus concidadáns, algo que supoño nos resulta bastante cotián a todos os que non vivimos coa esperanza de que nos collan en Operación Triunfo (que, segundo Sabina, non é un programa sobre música, senón sobre o fracaso escolar). E aínda diría máis: a verdade é que coas manías, afeccións e ghovis nos que se enfundan hoxe en día milleiros e milleiros de persoas, o da cría codornices en cautividade semella unha dedicación até entrañábel. Algo que co seu tilín. Coa súa cousiña. Non si? A que case dá envexa ese laio?

O caso é que ler esa afirmación, emitida polo autor sen pretensións de comicidade (nos seus escritos o humor brilla pola súa ausencia), pero que hoxe, coa distancia dos anos, resulta bastante graciosa, fixo que sentise o desexo de facer algo semellante. É dicir, honrar aos meus mestres e agradecerlles o bo que deles tirei; darlles as grazas, en definitiva, por me facer ser mellor (non mellor ca ninguén, ollo, senón simplemente mellor de como sería de non telos coñecido a través dos seus libros). Así que hai vai a miña descaradísima imitación (non esquezamos que, como afirma o dito “o que non é tradición, é plaxio"):

Débolle a Castelao, a aversión ás frivolidades; a non dedicarme a pasear nunha minimoto, nin a estragar o monte nun quad, nin a tunear o coche; débolle escangallarme coa risa a conta da moda metrosexual, e sobre todo, o saber emitir un rotundo NON ante a posibilidade de facer aerobic en Samil ao compás dun monicreque que che berra “vamos chicos, esas cinturitas”... nin enfundarme en parellas manías”.

En fin: aí che queda iso para a posteridade (mentres os deuses e o maltreito servidor de bitácoras.com queiran). Pola miña banda, quédome co feito de que, polo visto, a falta de sentido común ven de lonxe. Non é “cousa deste tempo”, por máis que as veces teimemos en pensar que, antes de que nos dese por ver telecomedias americanas con risas enlatadas e a sétima edición de Gran Hermano, o mundo era mellor. Para confirmalo, no mesmo libro, avanzadas unhas cantas páxinas, aparece estoutra xoia: “Entende que os homes cometerán sempre, aínda que te exaspere, os mesmos erros”. Ou sexa, que xa nos podemos ir afacendo á idea: cando pase a moda o das minimotos, os quad, o tunin (ou como se escriba), e o metrosexual seguramente a estupidez reinventarase a si mesma, e xurdirá outro esperpento quizais aínda máis absurdo. Tinxir os pelos das sobacos? Pintar de cores fosforito os dentes? Tatuar as retinas? Paseos submarinos en moto de 50 rectificadas para 75 con escafandra anatómico-forense incorporada?

Mimadriña, da arrepíos so pensalo.

Por: XOSE LARVOS | Xeral | Comentarios (6) | Referencias (0)

Comentarios

Dende logo, as creaturas humanas somos dun pueril supremo. Eu cando era pequeno pensaba que con trinta anos un xa e adulto e non fai cousas de nenos pero un vai chegando a esa idade e decatase de que o infantilismo non nos abandoa. Non sei. Habera que tomalo polo canto humoristico e deixalo quedar por imposible.
Un saudo.

acedre | 27-02-2006 15:34:33

Ou poñer o pube azul ( os homes ) e rosa ( as mulleres ), ¿e o metrosexual? Saúdos ( e que bitacoras nos respecte... )

náufrago | 27-02-2006 17:33:38

Ui, puxen trinta anos e vou para os corenta. Que ninguen me roube dez anos da minha vida.

acedre | 28-02-2006 03:46:44

Coincido con vos. O mellor tomalo con humor. Que nos quede, cando menos, o sorriso.

Larvós | 28-02-2006 10:05:52

Nice site!
[url=http://ioqhrhtn.com/rlll/oudz.html]My homepage[/url] | [url=http://ctpoyvna.com/oarm/oxqq.html]Cool site[/url]

Jody | 16-11-2006 13:36:08

Well done!
[url=http://uobtxqtr.com/uzkm/wvgk.html]My homepage[/url] | [url=http://iaxazaok.com/xboa/ijwt.html]Cool site[/url]

Glen | 18-11-2006 11:44:55

Comentar


Recordar datos

LaInformacion.com lainformacion.com - Medio Oficial de los Premios Bitacoras 2009