Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

cousas deste tempo

Martes, 28 de Febreiro de 2006

Supercosmopolitas que te cagas.

A xente emprende viaxes por moi diversas razóns. Hainos que viaxan por lecer, por cuestións laborais, por curiosidade, e mesmo por necesidade. Pero os que a min máis me desacougan, os que de xeito máis cuantioso conseguen estimular a miña curiosidade, son os que viaxan por nada.

Por máis que queira deixar de lado estes dilemas (mellor me iría se, como me recomenda a miña avoa, atendese ao meu) non podo deixar de preguntarme por qué rehostia ese tipo que xamais visitou ningún dos castros do país nin ningunha das mámoas por el espalladas, de súpeto, ten a necesidade de ir ver o Stonehenge? Ou para qué demos esa parella que nunca foi contemplar a ponte romana que ten a quince quilómetros da casa, un bo día considera que lles urxe ir ver a grande muralla chinesa? E que dicir dos que, sen terse nunca detido máis dos cinco minutos de rigor ante a catedral de Santiago, un día dálles por pasar unha quincena admirando os templos budistas dalgún inhóspito recuncho da península do Indostán? Non sei a vostedes, pero a un servidor isto resúltalle un dilema do máis misterioso. Algo que lle daría a Dan Brown para outra novela. Farano para esconderse de alguén? Agochan algún inhóspito arcano? Son a irmandade do Temple refeitos a si mesmos como turistas con chanclas e gafas de sol? Acaso foron eles os que mataron a Laura Palmer??? Chéirame que detrás disto ten que haber algo. É como o desterro de Paco Vázquez: esas cousas non pasan así como así. Aí hai truco por algures.

Este último xaneiro, mes posvacacional por excelencia so superado polo abxecto setembro, por aquilo de aforrarme zozobras, propúxenme facer unha sabia rectificación e, lexitimando así a voz da experiencia, atender ao meu. Pero –que lle imos facer- somos seres sociais; por máis que me dedique, coa perseveranza dun proído inoportuno, a alimentar a miña misantropía, ao final sempre remato por entrar en contacto coa sociedade. E desta vez, a sociedade presentoume a súa mutante presencia na forma de parella snob: foron T. e J., cos que batín de fronte nun despiste camiño do estanco (se os tivese outeado a tempo tería iniciado as correspondentes manobras de evasión para evitar o encontro) os que me quixeron honrar facéndome partícipe e confidente das súas supercosmopolitas que te cagas o sea experiencias; decidiron pasar, seica, uns días en Madrid. Con todo luxo de detalles, até con certa parsimonia, fóronme narrando o seu periplo madrileño. Non tería nada que alegar ao respecto de non ser porqué, dicíndoo de xeito sucinto, o que me contaron foi que pasaron o tempo visitando os chiringos do tío Amancio, Elcorteinglés, e similares. Tampouco se lles pasou comentarme, entre risos, a súa preocupación polos excesos gastronómicos cometidos; por aquilo de ir lixeiros de aquí para alá, alimentáranse basicamente de comida rápida, en plan Macdonals, pidsaghat, etc., etc. En definitiva: o encontro, aínda que breve, ademais de ser un invitación ao exabrupto ao estilo manuelantoniano (“Madrid precisa de vós para a súa opereta...”), bastou para cargar a miña equipaxe dubitativa cun novo interrogante: por qué carallo percorre alguén centos de quilómetros para facer xustamente esas cousas que poderían ter feito sen saír de Vigo? De verdade: que baixe Aristóteles a resolvelo. E que alguén lle regale unha caixa de aspirinas, porque lle van facer falta.

Non teño alma de visionario, nin de sociólogo, nin de antropólogo... de feito, nin sequera estou seguro de ter alma, pero aínda así voume atrever a soltar aquí a miña pequena filosofada ao respecto. Sei que non vai servir para aclarar nada, nin para esvaecer as brétemas que sempre envolven os inauditos comportamentos humanos, pero tanto me ten. Filosofar sírveme, simplemente, para vivir, cando menos, coa sensación de levar os faros antinevoa postos. Así que aí vai unha dose de inútil filosofía marxista (por Groucho, non por Karl) larvosiana: supoño que o continuo auxe desa democratización da viaxe que chamamos turismo é o resultado combinado da publicidade, coa súa continua invitación ao consumo, dos medios de comunicación de masas, co seu fomento dos comportamentos miméticos, e a teima contemporánea de querermos vender unha imaxe de nós mesmos ligada ao éxito social. O resultado de dita combinación é xustamente iso: que a xente lle saia dos collóns viaxar, aínda que sexa para facer o de tódolos días, para mirar antigüidades que nunca lle interesaron, ou para deambular por galerías ateigadas de ilustres pinturas sen tan sequera (e xuro que é verídico. Visto por estes miopes ollos no museo do Prado) tirar as gafas de sol, cousa que debe ter tanto sentido como broncearse co chuvasqueiro posto. Paradoxicamente, a idealización do concepto de cosmopolitismo causou no mesmo una perversión: sendo este unha realidade mental, un simple xeito de pensar, unha actitude e un modo de ir pola vida tan accesíbel para un gandeiro como para un executivo, o seu sentido viuse deturpado cara unha parida xeográfico-turística. É dicir, cremos que o cosmopolitismo está relacionado en directa proporción ao lonxe que vaiamos pasar as vacacións. Unha parida mental, cando menos, considerábel.

O máis curioso é que cando reparo neste tema, sempre remato por lembrar un xogo infantil; recordo como os cativos da nosa rúa acostumábamos a deter o partido diario de fútbol, por aquilo de minimizar as pausas, unha soa vez para mexar, o que nos obrigaba a facelo ao unísono. O espírito competitivo (esa testosterona sempre convidándonos ao absurdo!!!) non so non remataba co descansiño, senón que a parada se convertía nunha verdadeira proba olímpica: dispostos en batería, sempre rematabamos por iniciar unha competición por ver quen era o que conseguía a mellor marca de lanzamento de mexada (lembro isto ademais con grande nitidez porque foi nesta faceta na que colleitei os únicos éxitos deportivos da miña vida. Xa que non puiden nunca fardar de goleador, cando menos deixádeme que presuma de próstata). E agora, tantos anos despois, e aínda que poda parecer frívolo, percibo que a actual perversión da idea de cosmopolitismo semella que o estea a converter nunha especie de versión adulta e sofisticada daquela competición por ver quen botaba a mexada máis lonxe. Vai ti a saber!? Ao mellor iso que chaman “madurar” consiste niso: disimular que seguimos sendo nenos.

En fin, eu non teño o día inspirado, pero seguro que unha mente abellada pode tirar de aquí unha metáfora intelixentísima.

Por: XOSE LARVOS | Xeral | Comentarios (11) | Referencias (0)

Comentarios

Non é por presumir, pero neses "descansiños"... eu era dos que mellores marcas conseguía... Noraboa... pola inspiración. Apertas

náufrago | 28-02-2006 20:24:00

Daría o xenio que só se puidera viaxar no tempo...como antes non habia nin coches, nin avións, nin tréns, os que viaxan por nada ou non saben por que viaxan, non poderían ir moi lonxe...daquela tiñan a oportunidade de coñecer o que temos a carón.

pepe penas | 28-02-2006 22:24:46

Grazas aos dous polas vosas aportacións.
Pepe: como se din os vellos "o que temos é moito vicio". E seguramente teñen razón.

Larvós | 01-03-2006 14:03:26

Dis que non estabas inspirado pero ben que explicaches o asunto.
A min pasame o mesmo, encheme a xente que di que estivo en Paris e logo non sabe onde queda Mondonhedo ou Padron. Eu penso que hai tempo para todo pero que o primeiro e o que temos na casa e logo ir ampliando as viaxes. Co iso non quero dicir que se temos a oportunidade de ir a Praga que a desbotemos porque nos faltan por visitar as dunas de Corrubedo, por exemplo.
Esta xente di que mola viaxar a Londres pero van nun viaxe organizado que e un maraton e no que aprenden de monumentos (se cadra) pero non collen a esencia do lugar. Iso e facer turismo pero non e viaxar. Como tampouco e viaxar parar en Barcelona no aeroporto para coller un avion a Roma que iso e trasladarse e non viaxar.
Bueno, que estou de acordo contigo e que eu procuro ir a un sitio novo cos ollos abertos, coller informacion antes de chegar ou no hotel ou na oficina de turismo e logo a patear...patear e patear.
Un saudo.

acedre | 01-03-2006 16:27:51

Penso que deches no cravo ao diferenciar entre "viaxar" e "facer turismo". Empréganse como se fosen sinónimos, cando nada teñen que ver os dous conceptos. A diferencia ben a indicas a túa resposta, eu non tería feito mellor.
Un saúdo.

Larvós | 01-03-2006 19:24:23

Penso que os destinos aos que se viaxa (bueno, falo por min), teñen máis que ver coa oportunidade de ir que coa situación. Por exemplo, eu pensara algunha vez en visitar as Alpujarras, así en plan abstracto, pero non se chegou a concretar nunca, porque xurdía outra cousa. Agora parece que imos ir en Semana Santa, porque temos uns amigos que andan a organizar unha escapada para alá, porque un deles viviu pola zona durante uns anos.
Por outra banda, tampouco vexo problema en ir alternando sitios máis próximos con outros máis lonxanos, segundo van pedindo (e permitindo) o corpo e o peto (ou máis ben o seu contido).
O que sí me deixa pampa e o do Corte Inglés, Zara e similares. Tamén recordo un viaxe por Italia no que o guía, ao chegares a Florencia, pretendía que fosemos a un bar español... E boa parte do autobús superencantado. Nós non fomos e marchamos cunha parella de Bilbao a cear a unha pizzeria que a carta non estaba en inglés (sempre é bo sinal iso...).
Por fin conseguin entrar no seu blog e pagou a pena. Saúdos :).

Hai Cada! | 01-03-2006 21:50:27

Eu procuro combinar viaxes próximas con remotas. Aínda así, sempre terei a sensación de que hai millóns de lugares marabillosos que non vou ver nunca. Sentín certa envexa ao ler o teu comentario. Sempre tiven unha infranqueable barreira psicolóxica que me impide mexar en público, razón pola que nunca puiden participar nunha desas competicións en que ti eras campión. Procurarei solucionalo para a vindeira reencarnación. Un saúdo.

Veloso | 02-03-2006 09:17:03

Sobre esto que dis estiven pensando eu onte. A ver, a min próenme as ganas de ir aos sitios e cáseque non me importaba que tivese pouco tempo con tal de poder dicir que estiven en tal sitio. Ao final voulle dar a razón a unha grande persoa que coñezo, non podes apreciar un lugar sen botar bastante tempo nel.

Por eso é que en grande parte penso que acedre, kiko novoa, plattdorf, torredebabel, hojasdehierba e tantos outros que haberá, si poden presumir de viaxes e de enchouparse dos lugares onde están. Vale que sempre é por razóns e circunstancias da vida, pero eso si é viaxar e aí si que merece a pena, anque teñas que pasar máis tempo do debido nun sitio e tamén teñas ganas de ir a outros lados, pero si poden dicir que coñecen ben o sitio onde están.

Por tanto, eu procurarei visitar sitios que me queden preto para saber ben onde vivo e se poido, ir a outro lugar e tentar botar tempo abondo alí (ao mellor non máis de 15 días...) pero procurando coñecer algo máis da zona en cuestión e que non sexa namais o circuito turístico ao uso.

besbellinha | 02-03-2006 09:48:12

En liñas xerais, gustaríame insistir en que iso que se di “ser un cidadán do mundo” é unha actitude mental, e non un itinerario vacacional. Por suposto, eu tamén aproveito calquera ocasión que se me presente para viaxar, pero non esquezo que hai xente que, sen ir moi lonxe, sabe ser aberta ao mundo e a vida, mentres outros botan a vida de aquí para alá pero nunca van a ningures, porque é o seu maxín o que se resiste (todos coñecemos, supoño, ao típico turista palizas que chega aquí e so se lle ocurre falarche do malas que son as estradas). Non sei. Se eu fose a Angola o último que se me ocorrería e poñerme a facer un inventario de defectos do país que me acolle.

Unha aperta a todos e grazas polas vosas achegas

Larvós | 02-03-2006 14:25:13

penso que o asunto non é tanto o destino como a cabeza que levamos alá. Non é o mesmo ollar que ver, ouvir que escoitar. E, como xa dixeran moitos, non é o mesmo sair da casa que viaxar. Apertas!
PD: dame una alegría inmensa atopar unha páxina na que alguén escribe moito (sen facer caso daquela lei non escrita que dí que quen lee no ordenador quere textos curtos)

torredebabel | 02-03-2006 22:34:14

torredebabel: que bo terte por aquí. Moi agradábel iso que me dis sobre os post de longa distancia. De feito, por coñecer esa famosa regra, as veces mentres escribo penso “abrevia, abrevia, que vai ser mellor”, pero ao final non me fago caso a min mesmo e sigo para adiante. Os textos curtos (cando menos os meus) sempre me parecen incompletos. Alégrame saber que non ves na súa lonxitude un defecto.
Unha aperta e grazas pola túa achega.

Larvós | 03-03-2006 19:26:31

Comentar


Recordar datos

LaInformacion.com lainformacion.com - Medio Oficial de los Premios Bitacoras 2009