Dúbidas, zozobras, e manobras dun enxeñeiro arrepentido
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com
Sábado, 04 de Marzo de 2006
En materia lingüística, como en tantos outros eidos, medrei acreditando plenamente nun mito que, sobre todo nos últimos anos, estáseme a esvaecer. Trátase dunha desas cousas que con fe cega das por certa e a aceptas como válida sen darlle voltas; simplemente parece, cando menos a primeira vista, evidente. Pero pouco a pouco, a medida que gañas en experiencia, acumulas anos, e che medran peliños nos lóbulos das orellas, algúns mitos tenden a esvaecerse. O mito ao que me refiro é “o galego e o castelán son dúas linguas que se parecen moito”.
Pois resulta que non. Diso nada. Groso erro. Grande cagada. O galego e o castelán, con frecuencia, non se parecen nin no branco dos ollos. Sobre todo nestes últimos anos estou descubrindo que estas dúas linguas latinas presentan profundísimas diferencias, até o punto de que, con frecuencia, se volven inintelixibles entre si. De feito, agora até me arrepinto de retranquear con eses ousados que me recriminaban o feito de que me dirixise a todo o mundo en galego cun lapidario “eu nunca faría iso. ¿Como sabes, tratándose dun descoñecido, de que entende o galego? ¿E se é de fóra e non o entende? ¿E se é, por exemplo, de Cuenca?”. Eu, ignorante de min, ferido, e duro, imbécil e escuro, respostaba con rexoubeo, con retranca, dando por feito que aquilo era unha memez do tamaño dos aneis de Saturno. ¿Acaso os conquenses -inquiría con ton cabroncete- vailles supor un dilema irresolúbel comprende o enigmático significado da expresión “bos días”?, ¿ou será con “café con leite” onde se definitivamente se atranquen? Entón aínda non o sabía, pero agora vexo claramente canta razón tiñan os que me daban tal aviso. O galego é o español son dúas linguas moi distintas. Que razón tiñan os que mo advertían. Que burricán estaba eu feito. E que teimosía máis inxustificada a miña.
As grandes diferenzas entre o galego e o español non se ven a primeira vista, pero a medida que un vai gañando en percorrido vital, comprende que hai áreas nas que, efectivamente, se distancian moito. E entón é cando as supostas semellanzas, lonxe de te axudar, serven so para complicar as cousas, podendo incluso levarte a algunha situación desagradábel por un problema de mala interpretación desas semellanzas. Pasa como ese exemplo que sempre citaban os mestres de latín no instituto “Mater tua mala burra est”, que como sabedes, non significa que a túa nai sexa unha mala burra, senón que simplemente a muller tivo un mal día (creo que por algo relacionado coas mazás golden do carrefur). Esta é a filantrópica razón pola que poño mans a obra, e comezo con este post a creación do primeiro fascículo on-line do Grande dicionario Larvousse GALEGO-CASTELÁN/CASTELÁN-GALEGO, obra que espero sexa distribuída entre os estudantes galegofalantes para que se incorporen ao mercado laboral cos debidos coñecementos para a correcta traducción ao galego do complexo castelán empresarial. Procedo a explicar un exemplo que espero ilustre os contidos xerais da que espero sexa unha célebre obra que evite numeroso problemas cos que algúns despistados coma min tivemos que batallar por ter saído ao mundo ostentando tan inxenua ignorancia.
Nunha reunión do comité de xestión dunha empresa, poden oírse cousas como esta: “la coyuntura económica actual nos obliga a aprovechar al máximo las posibilidades inherentes al mercado laboral flexible, para así disponer de la libertad suficiente para ajustar la estructura de cotes salariales a la realidad cambiante del mercado, y estabilizar nuestros resultados”.
Pois ben, a traducción real ao galego dese párrafo, aínda que poda parecer outra cousa, é: a partir de agora imos traballar máis con ETTs, que así, se a cagamos, podemos despachalos a todos en vintecatro horas e ter as nosas contas (e os nosos cus) a salvo.
¿A que non parecía o mesmo? ¿A que, a priori, o castelán estaba a enganarnos? Esa é a razón pola cal presento o que é o bosquexo desta obra. Permitide a vaidade de que exprese a miña robusta convicción sobre a necesidade de coñecela a fondo (así poderemos aforrarnos infartos de miocardio e quen sabe se algún que outro Puerto Urraco). A continuación procedo a presentar algúns exemplos máis, para que podades comprobar que non se trata dun caso illado. (Poño entre comiñas e en cursiva a confuso texto en castelán e, a continuación e entre parénteses, a súa traducción real ao galego).
“El nuevo escenario comunitario abre un horizonte económico complejo. La posibilidad e apertura hacia nuevos escenarios hace conveniente revisar nuestra estructura de costes fijos para alinearla con la nueva realidad”. (Que nin se vos ocorra reclamar subidas de soldo, porque como vos poñades farrucos desmontamos o chiringo e montámolo de novo en Lituania. Avisados quedades).
“La falta de empatía hacia nuestro proyecto de integrantes del equipo, solo sirve para minar su recorrido en esta estructura. Como bien saben todos nuestros miembros, en nuestro equipo de trabajo buscamos cooperación, trabajo en equipo, y sinergias de esfuerzos”. (Calade a boquiña e dicide que si a todo, ou imos darvos polo cu até vos quede o esfínter como o Arco do Triunfo).
“En nuestro país, en los últimos años, el mercado de la mano de obra directa, está sufriendo grandes cambios. Sin embargo, su repercusión en nuestra región no es todavía salientable, y debido a que estamos realmente muy satisfechos con nuestra actual política de recursos humanos, hemos decidido mantener la misma con plena vigencia”. (Hai feixes de negros, mouros e sudacas por aí, pero de momento por aquí non hai moitos, e o que é nós, pasamos de contratalos).
“La estructura dispone de los cauces necesarios para que sean pulidas las discrepancias que algunos integrantes del equipo podan tener hacia nuestra política. Este no es el lugar de manifestar discrepancias, sino de aunar esfuerzos". (Larvós, sube a recursos humanos, e que che den outra sesión de “somos unha grande familia. Stop. Somos un equipo. Stop. Todos estamos no mesmo barco. Stop. Vos remades e nós trincamos a pasta. Stop...”. Non baixes até que estes debidamente lobotomizado).
“Queremos felicitar a la señorita X por el nuevo puesto que va a desempeñar. No sólo ella está de enhorabuena. Su ejemplo evidencia que esta compañía evoluciona con los tiempos; tiempos que, dicho sea de paso, hacen imprescindible el dinamismo empresarial”. (Acabamos de ascender a unha tipa por aquilo de que non se nos note moito que somos redomadamente machistas e so ascendemos aos homes. Con isto damos o tema “ascender tipas” por pechado durante uns dez anos. Logo, se tal, xa ascenderemos outra).
“Para fidelizar a nuestro mayor cliente, hemos decido estrechar lazos con sus responsables. Nuestro equipo tiene prevista una reunión con su dirección, que se desarrollara, sin pretender restarle por ello importancia, siguiendo cauces informales, que precisamente por ello resultan propicios a un contacto más humano, y esta es la clave para una relación cliente-proveedor regida por la lealtad”. (Imos pagarlles unhas putas, que iso leva funcionando toda a vida).
“Pronto tendremos la suerte de incorporar a nuestro equipo de dirección a otro gran profesional, que proviene de una familia con una ya larga tradición industrial en nuestra ciudad. Espero de todos vosotros una acogida regida por el principio de la cooperación. Estamos seguros de que, su larga trayectoria será de gran ayuda en nuestros planes de expansión” (Teño un cuñado no paro. É do Opus, como nós, por iso, aínda que non saiba nin facer un o cun canuto, ímolo poñer, como mínimo, de “xerente de grandes contas”. Andará por aquí bastante mareando a perdiz, pero entendédeo. Cobrando catro mil euros ao mes, como mínimo, o home terá que facer como que fai algo máis que virse de putas con nós, ¿non si?)
“Habéis sido escogidos, por el buen hacer que habéis demostrado en los proyectos de este tipo, para ser los integrantes del equipo de desarrollo. Vuestra capacidad de trabajo os acredita como profesionales. Don Miguel Sáez Domínguez de las Llanderas, nuevo gerente de grandes cuentas, será el encargado de encauzar vuestras acciones y dar dinamismo al proyecto. La dirección confía en vosotros, y sabe que no escatimareis esfuerzos para que todo salga adelante según los plazos marcados”. (Catro becarios e cinco eventuais ides ser os encargados de comervos este marrón de pe a pa. O proxecto ten que estar listo pasado mañá. O do Opus será o encargado de marear a perdiz, cagala de cando en cando, e erguervos a voz cada vez que veña mal follado, cousa que, como sabedes, vai ser frecuente. Se tedes que currar os fins de semana, problema voso. Para iso estades).
Epílogo:
Supoño que estes exemplos bastaran para comprender as profundas diferenzas que hai entre o castelán e o galego. Confío en que, se tedes algún amigo ou parente que se vaia incorporar ao mercado laboral, lle faredes chegar este fascículo. E polo seu ben. Como podedes comprobar, hai moita “mala burra” por aí solta.
Por: XOSE LARVOS | porca miseria | Comentarios (10) | Referencias (0)
seino, o meu galego é novo e moi malo, pero coido que das clases que tiven esta foi a mellor. Moitas gracias! e xa apuntei todo para non esquecelo!
torredebabel | 06-03-2006 01:28:09
Agora decatome porque puxeron tanto interese, noutros tempos,en que os nenos aprenderamos o castelán...sabían que os galegos ian andar por España adiante..seguro que traballarían mellor sen saber falar o galego.
pepe penas | 06-03-2006 01:37:15
Agradecido a ambos polo voso respaldo ao diccionario. O primeiro fascículo estará no quiosco nuns días, e trae de regalo un depilador de cebolas. Tamén podedes conseguilo por correo, enviando un SMS coa palabra “diccionario” ao 666, e ademais entraredes no sorteo dunha gaseosa d’a litro.
Un saúdo aos dous e non perdamos o sorriso (que nos quede iso, cando menos).
Larvós | 06-03-2006 09:41:52
náufrago | 06-03-2006 11:38:49
Só lle poño pero ó de "mal follado", que é mal fodido (amais de que follar se pode confundir con "esfollar" que, ben sabes, é retirar a folla dos carozos de millo).
caravelete | 06-03-2006 19:23:28
Caravalete: a nós si que nos teñen ben fodidos. Máis dunha vez eu tiven gañas de esfollar a algún que outro compañeiro de curro...
Náufrago: o de "xenial" chegoume a dentro. Creo que o meu ego acaba de medrar tres centímetros (pero nada que no poda reparar o meu xerente de grantes contas cun par dos seus vómitos. Pronto recuperarei a normalidade).
Grazas a todos polas vosas achegas. Unha aperta.
Larvós | 06-03-2006 20:20:05
náufrago | 08-03-2006 14:30:54
A min enchenme eses discursos baleiros e mais falsos ca un euro de pau. Todo o que din e ao reves do que queren dicir e sempre din o mesmo: traballar o dobre e cobrar a metade. Por iso eu nesas reunions ponho a minha cara de asentimento total e "habla Cucurucho que no te escucho". Xa o dicia un encargado meu: Ti e-lo millor, dis a todo que si e logo fas o que che peta.
acedre | 08-03-2006 16:51:46
Por certo, o sorteo poderia ser dunha ghasiosa rebaixada con cervexa que Galicia de momento non e os EEUU. Vamos, digho eu...
acedre | 08-03-2006 16:53:37
Acedre: "traballar o dobre e cobrar a metade". Acabas de bordalo. Non se pode dicir mellor.
Náufrago: gerente de grandes cuentas, Manager product, Commercial manager... a min, todas esas cousas tamén me soan como a perversión sinistra... ademais creo que non hai ninguén no mundo que realmente coñeza a qué se adican eses tipos e qué se supón que fan, ademais, claro, de trincar un pastón (algúns din que realmente os viron traballar, pero eu creo que é unha lenda urbana, como o dos avistamentos de OVNIs
Larvós | 10-03-2006 12:03:57