Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

cousas deste tempo

Venres, 10 de Marzo de 2006

O silencio das boas persoas.

Sobre o arrepiante inventario de barbaridades que se cometeron durante o século XX, Martín Luther King dixo que o que máis arrepíos causaba non eran aqueles que as maquinaron e executaron, senón o silencio das boas persoas que as acompañou. É unha observación lúcida e intelixente, unha verdadeira invitación a reflexión que ninguén debería rexeitar. Un pode sentir noxo nada máis evocar a imaxe de Himmler, Goebbels, ou calquera outro dos artífices da solución final para o problema xudeu; un noxo visceral cuxa vixencia recobra azos cada vez que volvemos ver calquera das coñecidas imaxes dos campos de exterminio. Sen embargo, o maior desacougo, o máis violento abaleo da alma, é o que ten lugar cando pensamos, non neses fanáticos inmundos coa alma tarada e podre, senón cando lembramos aos centos de miles de alemáns pacíficos e honrados, traballadores e cordiais, esas xentes sinxelas que aceptaron submisamente as medidas antisemitas dos primeiros anos do Reich, que toleraron a humillación pública e marcaxe dos xudeus e outras minorías, que ficaron impertérritos cando os veciños do 4º C, un bo día, desaparecían para sempre (até que volveron, se cadra, convertidos en deterxente). O exemplo, con diferencias, pódese extrapolar a tantos lugares e situacións que case, por non cometer o agravio de deixar tantas e tantas sen citar, é mellor deixalo así. Se doutro século se di que foi “o das luces”, o XX debeu ser o dos “silencios”.

Saco a colación (teño o día taciturno hoxe. Qué lle imos facer. A vida as veces pódeme) este tema porque hai uns días saíu a luz unha nova que me deixou sen fala: Putin, o presidente Ruso, pediu desculpas pola primavera de Praga. Impresionante, ¿verdade? Dignos de ler son os sentidos artigos publicados nos xornais agradecendo e loando o detallazo do príncipe da duma. Sen embargo, a min xa me empezan a aburrir esas desculpas a destempo. Empezo a notar un certo arume a rancio en que, por exemplo, o vaticano pida desculpas por facer sardiñadas cos supostos herexes hai séculos, mentres segue a boicotear as campañas pro-condón que os débiles gobernos dos países en desenvolvemento tentan por en marcha para deter a praga da SIDA. Ou que Putin se desculpe polo que a URSS fixo na antiga Checoslovaquia mentres segue mallando en Chechenia sen piedade, e co beneplácito de todo occidente. Porque esas desculpas, así, a “touro pasado”, semellan máis ben unha manobra para darse un baño de gloria, que un verdadeiro acto de arrepentimento. Pedir desculpas polo mal que fixeron os teus antecesores semella un xeito elocuente e sutil para non ter que pedir desculpas (nin rectificar, de paso) polo que eles mesmos están a facer. En fin, que a cousa cheira, o que se di, a “cortina de fume”. Por iso me apécete, e me gustaría, que alguén pedise perdón polo presente, ou polo porvir ao que condenan a moita xente, en vez de mirar distraer a atención ollando cara ningures.

É por isto que me apeteceu hoxe, sen deixar de mirar ao pasado, botar unha ollada á actualidade. Percorremos hogano os primeiros elos do novo século, e aventurar o pseudónimo que vai merecer semella un exercicio profético demasiado afoutado para quen descoñece os segredos da astroloxía e non leu as obras completas de Nostradamus. Mais sendo sinxelamente obxectivos, quizais podamos entrever xa cal será o miolo das barbaridades que caracterizarán a nova centuria. É evidente que occidente (ou sexa, nós, por máis que desviemos a responsabilidade citando “as multinacionais”, como se estas non fosen a proxección empresarial do noso xeito de vida) estraga, depreda e saquea a vontade aos países menos desenvolvidos, que precisamente por iso, xamais conseguen abandonar tal condición. Obtemos alí materias primas ou manufacturas a prezo de ganga, pagando por xornadas de traballo infernais salarios ridículos (e iso no mellor dos casos. No peor falamos directamente de escravitude física que esfamean e condenan á miseria aos seus habitantes. Deste xeito, os beneficios do traballo e recursos deses países repercuten, ademais de no benestar do primeiro mundo, so nun fato de politicuchos e oligarcas corruptos ate a cerna, sobornábeis por natureza, e que, no inhóspito caso de que se lle poñan farrucos a occidente, poderán, dun xeito ou doutro, ser eliminados, depostos ou simplemente mudados polo seguinte candidato na lista de chupóns autóctonos vendidos aos intereses occidentais (Goethe non chegou a velo, pero polo que realmente están os Faustos de hogano dispostos a vender a alma, non é pola sabedoría, senón por unha porcentaxe en comisión).

Hoxe en día, en plena era da información, e con Noam Chomsky nas listas dos máis vendidos, esta situación non se lle escapa xa a ninguén (ou case. Como reza o dito, “non hai maior xordo que aquel...”). Nunha conversa no café da esquina un pode escoitar unha crítica ao contraste entre a depredadora condición de occidente (que se cree con dereito a espoliar aos países pobres) e as restrictivas políticas de inmigración (nós temos dereito a ir alá a esfamealos, pero eles aquí non teñen dereito nin a pisar), intercalada entre a meticulosa análise do partido do domingo e algún comentario pueril sobre os riciños de Bisbal. Visto isto a pregunta é obrigada: ¿iremos máis aló da crítica vehemente pero inconsecuente, do desacougo efémero postelexornal lacrimóxeno, da pose de radical inconformista que non vai máis aló das palabras? ¿Esixiremos algún día, como condición para os apoiar co noso voto, que os políticos se enfronten globalmente a este problema, e que creen estructuras que palíen as diferencias norte-sur en vez de seguir custeando outras tan absurdas como a OTAN, empeñada en defendernos dos escombros do muro de Berlín? Esa é, seguramente, a clave.

Volvendo sobre a cita de Martin Luther King, parece obrigado sinalar o paradoxo de que esta se empregue sempre para referirse ao pasado. Como a igrexa cos seus laios, como Putin coas súas desculpas, as conciencias occidentais semellan tamén andar sempre a destempo: lamentamos o que fixemos hai décadas, mesmo séculos, pero sobre o presente, ante aquilo contra o que podemos actuar e reaccionar, seguimos a manternos nunha especie de pasividade, iso si, agora concienciada. Sabemos de canta aberración se comete, somos conscientes delas, incluso emitimos vehementes exabruptos de condena, pero non imos nunca (ou cando menos case nunca) máis aló das palabras. Todo parece indicar que, a menos que se produza un profundo cambio de actitude, o século da pasividade silenciosa vai ser relevado por unha innovadora (será cousa do I+D+I?) versión do mesmo: a pasividade postexabrupto e o conformismo envolto en pirotecnia verbal. Seguimos pois, alimentando o silencio das boas persoas; iso si, agora envolvemos o silencio de barullo. Máis estrépito, pero a mesma ineficacia.

PD: que ninguén interprete isto como o sermón palizas dun clérigo civil opositando a unha praza vitalicia no púlpito dos progres. Dígoo, sobre todo, para min mesmo. Para non esquecelo nunca.

Por: XOSE LARVOS | porca miseria | Comentarios (6) | Referencias (0)

Comentarios

Pois nada, agora fico eu tamén taciturno despois de ler tan atinada, aínda que dura, reflexión. Xa o dixo Luther King: "Denantes de que te deites, teraste servido de medio mundo", ou algo así. Que non esquezamos que se estamos tan ben e porque os temos, a eles, tan mal. Noraboa pola lucidez.

náufrago | 11-03-2006 19:23:35

Non coñecía a cita de Luther King á que fas referencia, pero é do máis atinada. Está moi ben ter todas estas cousas presentes, sobre todo agora que os "neocons" e "neoreacs" (ou sexa, a caspa de sempre estreando zapatos) volven cobrar forza por toda Europa.

Larvós | 13-03-2006 09:55:42

Sei o que son os neocon, pero, ¿que son os neoeacs? Por favor, ilústrme.

náufrago | 13-03-2006 14:37:02

Basicamente o mesmo. "Neoreacs" é o nome que se lles dá na Francia aos "novos reacionarios", intelectuais da órbita, máis ou menos periférica, de LePen.

Saúdos

Larvós | 13-03-2006 15:53:43

O naufrago ten razon: fixeches un posteo dos que marcan historia. A verdade e que as masas tanto poden ser complices no silencio como nas barbaridades (os ultimos que non derradeiros, ataques das masas musulmas contra embaixadas e empresas occidentais).
E o que digo eu sempre: a culpa non e de quen manda senon de quen lle fai caso.
Un saudo.

acedre | 17-03-2006 04:29:58

Grazas por ese comentario tan xeneroso.
Coindicido contigo: por moito mal que queiran facer os malparidos, nunha irian moi lonxe sen a colaboración e/ou a a pasividade do resto. Neste planeta inocentes, o que se di inocentes, xa só quedan nas garderías.

Apertas.

Larvós | 17-03-2006 11:11:27

Comentar


Recordar datos

ADN.esADN.es Medio Oficial Premios Bitacoras 2008: Madeleine mccann