Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

cousas deste tempo

Venres, 31 de Marzo de 2006

Deus recoñece aos seus (seica).

Unha das máximas máis representativas do fanatismo, neste caso relixioso, foi a que pronunciou, durante a guerra contra os albixenses, aquel bispo ao que lle preguntaron como diferenciar aos herexes dos católicos sinceros, para así pasar a coitelo a quen lle correspondía segundo a orde papal. Ante a ardua e complicada tarefa de ir, un a un, distinguindo aos herexes entre a poboación, o bispo ordenou, temo que con ollada profunda, coa cara que supoño se lle pon a quen presinte que a súa sabedoría vai facer historia, que os matasen a todos, pois “Deus saberá distinguir aos seus”. Non cabe dúbida que o método foi efectivo (a verdade é que dos albixenses non quedaron nin as faragullas), e de feito xa nos adianta o refrán que morto o can rematou a rabia. Mais se é a iso ao que se refire o vaticano cando fala da súa infalibilidade, xusto é dicir que así non que o papa sexa infalíbel: así, carallo, é infalíbel calquera.

A eficacia dunha medida, por carente de ética que resulte, semella rematar sempre por facer escola. O exemplo do bispo foi perfectamente imitado, por exemplo, polo ateo Stalin ao rematar a segunda guerra mundial. Este, para que non lle fuxise ningún colaboracionista, ordenou que todos os cidadáns da URSS que tiveran algún contacto cos alemáns fosen tratados como sospeitosos de alta traizón. Desta maneira, cada vez que o avance soviético liberaba un novo campo de concentración, os soldados do exército vermello alí engaiolados, en vez de acadar a liberdade, eran encerrados novamente, por se acaso. Había que purgar aos herexes do stalinismo. A dialéctica tamén ameazaba con ser infalíbel.

Esta sistemática de actuación, que semella basearse na convicción de que, antes de que un culpábel quede impune, é mellor condenar a mil inocentes, non remata de perder nunca a súa vixencia. Quizais sexa a súa virtuosa economía: para que molestarse en ser selectivo, en estudar detida e particularmente cada caso, cando se pode pechar o tema dun so golpe? Ou o que é o mesmo: para que malgastar recursos en obrar con xustiza cando se pode recorrer, sen máis, a animalada? Como reza o dito popular: “para que o imos falar, se o podemos amañar a hostias?”.
Como querendo outorgarlle condición profética á teoría nietzcheana do eterno retorno, hai quen volve, unha e outra vez, a promover o mesmo inmundo comportamento. Desde hai anos vemos, por exemplo, como os ultradereitistas (tanto os declarados como os que o son disimuladamente) de toda Europa aproveitan os delictos cometidos por algún inmigrante para propalar a súa cháchara racista e xenófoba. Chega un crime cometido por un estranxeiro para equiparar inmigración a delincuencia, e promover a urxencia de pechar as fronteiras hermeticamente e multiplicar os atrancos para que os inmigrantes poidan adquirir o dereito de residencia. Por suposto, calquera facilidade outorgada a estes é un atentado contra a nación cometido por progres que antepoñen os ilexítimo interese do bárbaro ao lexítimo e merecido benestar do indíxena. Tanto ten que a maior parte dos inmigrantes traballen honradamente, e que mesmo sosteñan sectores económicos fundamentais. Segundo as súas conviccións, o inimigo non é a delincuencia, senón os inmigrantes. Todos. A cuestión é, novamente, rematar coa herexía a toda costa, neste caso representada polos residentes non nativos. Recorren pois, ao mesmo principio: a por todos, por se acaso. Apelan, pois, a bestialidade que habita (as veces activa, as veces en letargo) os máis esgrevios recunchos do ser humano. E ademais xogan cunha avantaxe: saben que en todas partes hai rancorosos e frustrados desexando crelos para así ter contra quen desafogar; por iso non precisan convencer ao seu auditorio: venlles convencido de serie.

Se un quere convencer, nada máis sinxelo que facelo sobre burradas (os curas, por exemplo, para facerlle crer á xente de que a terra era plana tivérono moito máis fácil, sen ir máis lonxe, que Copérnico). Por outra banda, o simpático e á vez terríbel aviso de Boileau leva séculos no aire: “un parvo sempre atopa a outro que o siga”.

Por iso o “a por todos” remata non so por ser infalíbel, senón tamén popular. Ou iso temo.


PD: que si. Que volvín ter un mal día onte.

Por: XOSE LARVOS | porca miseria | Comentarios (8) | Referencias (0)

Comentarios

A sociedade actual non invita a razoar. Recibimos miles de mensaxes, case todos eles cheos de autosuficiencia. Queren convencernos da súa verdade. Pero para iso necesitan que non pensemos, que non reflexionemos, que non dubidemos. Ti, en cambio, estasnos invitando a dubidar. Que non perdas nunca esa habilidade. Un saúdo.

Veloso | 04-04-2006 09:21:54

Agradecido pola túa achega e a xenerosidade, seguramente excesiva, do teu comentario.

Larvós | 04-04-2006 09:55:11

Acompáñote no sentemento e o que contas, metido noutro contexto que non ten nada que ver, pero que se podería resumir no que ti contas, recordoume a un libro que acabo de rematar: "Diario" de Chuck Palahniuk. A cousa tamén é similar ao que contas, e por unha parte enténdelo e por outra aborrécelo.

Saudiños.

besbellinha | 04-04-2006 21:15:45

Pois mercareino e logo comentamos.

Apertas.

Larvós | 05-04-2006 15:00:19

Despois dese bispo houbo moitos mais que fixeron coma el..sonche deses que din: imolos matar a todos..¡non vaia a ser o demo!

pepe penas | 05-04-2006 22:56:55

Dicía Castelao de Vicente Risco, en referencia a cando se pasou ao bando franquista "toda a vida falando do demo, e cando o tivo diante nin se enterou".
Saúdos Pepe.

Larvós | 06-04-2006 09:07:31

Encantadísima da vida de comentar o que sexa contigo, de seguro que aprendo moito. Máis apretas.

besbellinha | 06-04-2006 15:58:49

Pois veña, aprenderemos xuntos, pois.

Larvós | 06-04-2006 18:07:34

Comentar


Recordar datos

ADN.esADN.es Medio Oficial Premios Bitacoras 2008: Ley de dependencia