Dúbidas, zozobras, e manobras dun enxeñeiro arrepentido
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com
Xoves, 06 de Abril de 2006
Teño un compañeiro de curro que, cunha inocencia moi mal finxida, sempre escribía o meu nome mudando o X por un J. Cando llo lembraba obtiña a mesma resposta de xeito reiterado:
- Disculpa, hombre. Es que el gallego no es lo mío.
Tentei correxir a súa tendencia polas boas, pero o tipo, por máis que llo dicía, persistía nos seus esquecementos compulsivos. É certo que posiblemente as primeiras veces o fixo sen querer, pero pasado un tempo, e coñecida a peza que é –moi pagado de si mesmo el-, tiven claro que o tipo estábame desafiando a botar un pulso ao respecto.
Ao final, desouvindo ao meu anxo da garda -que é partidario evitar os conflictos-, e acreditando nas suxerencias do meu diaño das tentacións -moi proclive aos axustes de contas- din en incorporarlle un H ao seu Enrique nos caxetíns dos planos dos proxectos nos que ámbolos dous estabamos involucrados.
- Tío, que Henrique es sin hache –díxome a primeira vez convencido de que estaba a correxirme un simple erro ortográfico.
- Disculpa, home. É que o castelán non é o meu –respondín imitando o mellor que sei ese sorriso displicente que tan ben lles sae a tódolos tocacollóns e que tantas veces vira na súa cara.
O método foi o que se di “man de santo”. Tres ou catro Henriques despois conseguín que a súa incompatibilidade existencial co galego non lle impedise escribir “Xose”. Pero claro: foi a costa de gañar un novo inimigo. Os tipos que gustan de ir soltando sutís patadiñas nas pelotas, sempre agardan que ninguén llelo tome a mal, pero por suposto eles non están dispostos a pasar ningunha. E menos se, como foi o caso, lles marcas un gol en público. Iso directamente garantízache rancor até a morte. As vaidades enfermizas sonche así.
Boa demostración do que digo é que o outro día deixeille unha nota na súa mesa avisándolle que tiña que devolverlle unha chamada a un cliente e, cando chegou, ao vela -segundo me informou unha compañeira e amiga- dixo en ton despectivo mentres negaba coa testa:
-Estos que van de galleguistas no saben que hacer para ser distintos. Sólo les falta reírse en gallego.
Lonxe de me enfadar (non teño o mal costume de me deixar enfadar por xente así, limítome simplemente a repeler os ataques cando son directos), as súas palabras fixéronme reflexionar. ¿Canta xente se afasta do galego simplemente por gregarismo? É dicir: para ser como todo o mundo, para non parecer raro, por medo ao ostracismo, medo a ser illado ou rexeitado pola maioría. Ou o que é o mesmo: por medo a ser distinto.
Nunca vin nos típicos informes sociolingüísticos que se contemplase esa variábel como unha das causas da diminución de falantes do galego no medio urbano. Son leigo na materia, pero penso que non estaría mal estudalo. Como ben indica a psicoloxía social (tamén son leigo neste eido, pero lin algo ao respecto), un dos factores que con máis vehemencia actúa e modula os comportamentos de masas é o medo. O medo está aí como pai do odio, da xenreira, da violencia, da exclusión das minorias... sempre atopas o medo polo medio.
O caso foi que onte, nunha aburridísima reunión de traballo, cando o xerente comezou un dos seus monólogos-divagación interminábeis, din en -como adoito facer- ceibar o maxín para distraerme un pouco. Este, supoño que influído pola reflexión indicada no párrafo anterior, evocou unha imaxe cravada á escea estrela da película O sexto sentido, so que era Henrique (sc) o que estaba coas sabas subidas até a punta do nariz e unha memorábel cara de susto na expresión. Entón ergueu a vista e díxolle ao psicólogo interpretado por Bruce Willis: “en ocasiones.... veo gallegohablantes”.
Mimadriña. Tiven que sair da sala coa excusa de ir aos servizos para poder rir a gusto. Cada vez que pensaba que a cousa remitía, volvía a darme outro ataque de risa. Creo que tardei como quince minutos en recuperar a normalidade. Xa mo dí a miña avoa: “ti, desde neno, sempre soubeches distraerte so”. Pois si. E as veces non vexades o ben que mo paso.
Post data: lamento informar que iso de rir en galego, polo momento, entra dentro do lingüisticamente imposíbel. Pero paciencia. Coa axuda da clonación, as células nai e as academias de sevillanas nada é xa irrealizábel.
Por: XOSE LARVOS | orella profunda | Comentarios (19) | Referencias (0)
Pois xa me vas ver a min rindo toda a tarde en galego no traballo, mamaíña querida, es do que non hai ahahahahaha.
E sexamos distintos e non teñamos medo que total son catro días os que botamos aquí e polo menos facer o que nos pareza, eso si, sen dar patadiñas nas pelotas, e se as damos, saibamos recibilas con bo humor.
Mil risos máis señor Larvós, non sabes o ben que me fas.
Un día destes mira fixamente a Henrique e telepaticamente dille que a partir de agora vai a haber unha que pense asiduamente nel cando queira botarse a escachar a rir.
besbellinha | 06-04-2006 15:56:47
Larvós | 06-04-2006 17:13:24
Xente como H haina para parar un tren. Falas de medo... Supoño que en parte si, tamén algo do que se deu en chamar autoxenreira e algo tamén do que os psicólogos chaman desexabilidade social (coñecín o concepto en castelán, agardo que a traducción sexa correcta). Ou simplemente que gilipollas hainos en tódolos sitios. En todo caso, penso que estas cousas si están estudadas. A cuestión é que, localizados os males, alguén poña dunha vez as solucións.
Marcos | 06-04-2006 19:17:14
Referíame sobre todo ás cidades e xuventude. A min paréceme que, nese medio, falar galego pode dar algo de medo a moitas persoas. Medo a como vai reaccionar á xente se o fas ou se decides mudar de lingua habitual. Medo a que iso afecte á túa imaxe pública. Pero ben, non é máis que unha suposición.
Desde logo que a min gustaríame que falar galego non fose algo considerado “distinto” nin “peculiar”, porque iso significa que non imos nada ben. Significa que, parte da sociedade galega, considerao xa unha “rareza”. Mal asunto este.
Larvós | 06-04-2006 19:30:01
Tes razón, o ornear coma os demais é fundamental nos rapaces, non hai cousa que mais medo lles meta que que os vexan "distintos" (a cousa da socialización na adolescencia e tal e cual). Os que deseñan políticas lingüísticas tiñan que pensar máis nisto.
caravelete | 06-04-2006 20:45:54
É unha mágoa o teu post-data, porque esa era a miña pregunta, ¿como é iso de rir en galego? Mentres vas pensando a resposta, recibe a miña entusiasta felicitación por ser, coma sempre, tan xenial. Para min quixera eu a túa retranca.
náufrago | 06-04-2006 22:57:03
Non sei canta xente se afasta do galego por gregarismo, pero se poideramos facer contas, igual ata nos saía un número moi cercano ó de xente que se afasta do castelán polo mesmo. Todo depende do círculo no que un se mova. Con todo, e sen desdeñar esa posible causa, penso que os motivos para elexir unha ou outra lingua soen ser outros. Alomenos no meu caso.
troulín | 06-04-2006 23:37:30
Primeiro, rin a máis non poder. Estaba no traballo e coido que a miña risa foi en galego porque os meus compañeiros quedaron con cara de quen non entende.
Logo, quedei pensando nos milleiros de galegos que deixaron a sua lingua fora cando chegaron á Arxentina, precisamente, para non ser diferentes. Pero -claro- foi unha tarefa inutil xa que todos somos diferentes e o feito de falar castelán simulando non ser galegofalantes só deixaba máis á vista que non eran castelánfalantes. Na casa dos meus, o galego era para a vida familiar e o castelán para a vida social (vivimos na Arxentina, claro). E ainda hoxe, con máis de 50 anos de vivir acá, ainda quen coñece a miña nai, dime baixiño: "Tu mamá es de Brasil?" (por algún ton semellante ao portugués que lle escoitan e que eu nunca puiden distinguir).
Moi inutil tarefa leva o home cando intenta ser o que non é...
torredebabel | 07-04-2006 02:09:57
Fixeches ben en aclararlle a Enrique o seu erro contino. Eu na mili tinha companheiros bascos e eu facia a lista dos que ian visitar o medico e eu escribia os nomes a maneira basca: Kepa Ogiza Lejarzegi, Inhaki Salegi Begiristain, e o arquifamoso Josu Inhaki Agirreurreta Urrengoetxea e cando chegaba o cabo primeiro e lia a lista sempre me dicia algo pero eu aclaraballe o asunto e el deixabame por imposible.
acedre | 07-04-2006 04:47:55
Grazas a tod@s polas vosas achegas, comentarios, e sobre todo por facerme saber que vos tirei uns sorrisos, cousa que me reconforta moito.
Apertas a tod@s.
Larvós | 07-04-2006 13:15:23
Francisco Castro | 08-04-2006 12:52:52
sara | 09-04-2006 23:26:26
Náufrago: diso se trata. Ante este tipo de cousas podes enfadarte ou rir. Eu prefiro rir.
Sara: espero que a descuberta sexa grata. Encantado de coñecerte e de seguir o fío invisbel que agora me tendes.
Larvós | 10-04-2006 10:09:30
Co único co que discrepo de todo o que dis é co da disminución dos galegofalantes nas zonas urbás. Eu tiña entendido que, cada día falábase máis galego nas vilas e cidades e menos nos pobos e nas aldeas.
Pódese rir con H, como di Besbeliña, ou con gheada, xa sabes: GHAGHAGHA :D
E dalle ben polo cú o Henrique :D
Manoliño Captura | 12-04-2006 14:09:38
A verdade é que hai tanta información que ao final remata nunha desinformación por exceso. Non sei, de verdade. Quizais teñas razón. Aínda que obxectivamente falando, eu non vexo que nas cidades ou vilas mellore o nivel de galego-falantes. Ao contrario, cos vellos, vanse os falantes, porque a mocidade, aínda que ten boa opinión do galego (en xeral), a falalo non parece que se animen moito.
Saúdos e permíteme que te acompañe na gargallada.
Larvós | 12-04-2006 18:38:31
No entanto, tamén senta ben cando uma persoa que non adoita falar galego faino coas que si o empregan.
Un antigo xefe meu -duma empresa de enxenharia, por certo, na que trabalhei como administrativo- mesmo cando me despediu, fíxoo en galego. Porca vitória, mas ainda o lembro.
eduardo | 17-04-2006 16:12:18
Pois si que foi porca esa vitoria. Pero ben, o caso é irlle abrindo firgoas á lingua para que se vaia metendo, como lle corresponde, en tódolos ámbitos.
Saúdos
Larvós | 19-04-2006 13:37:10
Eu tiven unha agarrada no traballo con un (absolutamente indescriptible) que aseguraba que nos daban puntos por ser galegos (ou cataláns, ou vascos)... O certo é que teño 4 puntos máis que él para unha posible promoción, pero únicamente debidos a que pasei dous meses das miñas vacación en anos consecutivos asistindo a un curso en horario de mañá que me obrigaba a erguerme máis cedo que cando vou traballar!!!
Xa ves, todos temos o noso Via Crucis particular ;)
Saúdos.
Hai Cada! | 19-04-2006 21:35:36
Xa. E logo aínda nos chamarán vitimistas...
Algúns bástalles con que alguén fale outra lingua para sentirse atacado, pero nós non podemos sentirnos atacados nin cando nos atacan...
En fin. O caso e seguir adiante.
Larvós | 20-04-2006 11:03:41