Dúbidas, zozobras, e manobras dun enxeñeiro arrepentido
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com
Venres, 12 de Maio de 2006
Luns pola mañá. Camiño cara a entrada do curro con dous compañeiros de traballo cos que me atopo no aparcamento, a cada cal máis engomado, e cruzámonos cunha moza moi guapa, minuciosamente maquillada, vestida de muller corporativa cun toque fashion, e que camiña con paso firme e a seguridade de saberse máis ben atractiva, incluso tirando a impoñente. As nosas miradas indiscretas fíxanse nas súas formas e no insinuante, morno e estudado abaleo das súas cadeiras. Percibe as nosas miradas e, sen erguer a vista, sorrí satisfeita e segue o seu camiño, ignorándonos ostentosamente.
- ¿Te quedaste como me sonrió? -di fachendoso o manager product, que avanzaba a miña dereita co ego, segundo o habitual, tres quilómetros sobre o nivel do mar.
- Eres un ingenuo, chaval -replica con sorna enxeñeiro xefe, que avanza pola miña esquerda axustándose a súa mellor garabata. -Está bastante claro que me sonreía a mi.
Durante uns segundos soporto como podo a súa discusión sobre a quen lle sorrira a tremenda, para fuxir, en canto vexo a posibilidade, ao abeiro reconfortante do disco duro. (O mellor de traballar ante un ordenador é que sempre te podes inventar algún asunto urxente que atender, para logo ir mirar na rede algunha porcallada que te alivie do desgaste mental que producen estes espasmos psicolóxicos a golpe de sete da mañá). Aínda así durante unha hora non podo deixar de lamentar, unha vez máis, a chegada da lucidez que, sen solicitalo, irrompeu no meu maxín non sei ben cando para non deixarme xa respirar nin un segundo. Quen volvera –láiome con afectación- a aqueles tempos nos que o meu pai –que sempre foi un retranqueiro- volvía, logo de meses embarcado, contándome que estivera en países onde había peixes con tres ollos!!!... e eu críao!!! Porque si, a discusión que ouvín esta mañá era total e absolutamente patética, case nauseabunda. Pero a realidade, non hai dúbida, semella ser máis doce para os inxenuos e inocentes que cren en países misteriosos ateigados de criaturas inverosímiles, ou que aínda son capaces de especular sobre a quen de nós lle sorriu esa cachonda que dedica dúas horas ao día a se maquillar, e que fai catro sesións semanais aerobic e unha dieta que lle impide algo tan saudábel como mollar pan no mollo das ameixas á mariñeira. Afortunados eles –suspiro consternado- que aínda non comprenden que, evidentemente, a rapaza, satisfeita por atraer as miradas, simplemente se sorriu a si mesma.
- De eso nada, Miguel. Esas admiran la experiencia. Me sonreía a mi... –insistía o outro, empeñado en buscarlle o terceiro ollo á faneca.
Por: XOSE LARVOS | orella profunda | Comentarios (9) | Referencias (0)
Coido que atinas,ela sabia que estaba ben...somentes con ver o que pasaba o seu arredor...sentiase satisfeita e sorria para si..¿ou sorrialle os tres?...
as mulleres "boas" adoitan ser xenerosas.
pepe penas | 13-05-2006 22:56:56
Se a vises non dubidarías. Sorriuse a si mesma. E a verdade é que me parece ben. Ten que dar o seu traballiño estar así de tremenda...
Larvós | 15-05-2006 14:57:02
Veloso | 16-05-2006 08:31:46
Larvós | 16-05-2006 09:07:56
Acabo de ter un déjà vu deses con este post. E dou por suposto que estaba sorríndose a si mesma, aínda precisamos desas miradas pra sabernos bonitas, xa sabedes...
besbellinha | 16-05-2006 13:58:51
O “deja vu” igual se debe a que era un post vello que me apeteceu reescribir para melloralo (iso espero) un pouco, pois pareceume mal redactado (estou nunha crise creativa acompañada dunha fase mística. Sonche así de raro).
Por suposto que non lle regateo a ninguén unha ollada (ollada amábel, non en plan “gañador”, como fan os citados) complacente. O que non son é tan parvo como para pensar que me sonrien a min. Encantado estou de que o mundo estea ateigado de mulleres bonitas ás que lle sorrir.
Larvós | 16-05-2006 16:08:38
acedre | 17-05-2006 05:24:17
náufrago | 17-05-2006 18:15:16
hahahaha
Gustáronme estes comentarios. Hai que ver o que da de si un sorriso, eh? Se o sabe Dan Brown xa nos espeta "O código secreto da sorrisa da cachonda". Ou algo así.
Larvós | 18-05-2006 10:30:11