Dúbidas, zozobras, e manobras dun enxeñeiro arrepentido
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com
Venres, 02 de Xuño de 2006
O outro día mudaron de departamento a un compañeiro de curro. Para desempeñar o novo posto ao que ía ser destinado precisou estar unha semana de formación na central, no ilustre corazón da capital das Hespañas. Colleu un voo para alá e volveu, como dixen, pasados uns días. Pero algo cambiou fondamente nel. Foi como se, logo de despegar, xa nunca aterrase de todo. Agora mira o mundo desde arriba, subido nesa nube na que tan comodamente se instalan os infectados polo virus da vaidade. A verdade é que nunca me caeu moi ben, pero desde que camiña sen tocar o chan, cáeme aínda moitísimo peor. Hai xa tempo que estou bastante fartiño desa xente que nunha termina de tomar terra. Menos mal que, no día a día do traballo, cando menos vouno ter bastante lonxe de min. Cen metros e un par de paredes nos separan. Máis que suficiente. E iso que nin sequera estou a ter en conta os metros de altitude.
O caso foi que hoxe, logo de comer, mentres daba boa conta dun xeado acompañado de Cris -outra compañeira- comentamos este tema.
- Hai que ver que facilmente se volve parva a xente –díxome moi sería. - Basta un cambio de departamento, un ascenso, gañar a lotería, aprobar a oposición... en fin. A algúns semella que calquera cousiña lles baste para decidirse a militar permanentemente na empanada.
Naquel momento asentín. Díxenlle que si, resignado, con algo de pesadume, e seguín co importante, que naquel intre, sen dúbida, non eran os parvos, senón o xeado (como todo o mundo sabe, o xeado é unha cousa moi seria, e merece toda a nosa atención). Logo Cris contoume que un antigo veciño dela, logo de se facer policía, tamén sufriu a mesma transformación, infectándose do vehemente virus da chulería que tan desagradábeis volven as relacións humanas. Outra vez asentín, e comentei unha experiencia semellante. Creo que calquera que leve máis de cinco minutos neste mundo viviu situacións parecidas, así que non me vou molestar en relatalo. Seguro que saben de qué falo.
Pero resulta que, durante toda a tarde, atraída quizais polo olor doce do xeado, esa mosquiña ficou zoando pola miña testa. Será certo que esas persoas, ao se afianzar no traballo, no diñeiro, en certa cota de poder, se volveron parvas??? Será iso realmente certo???
Pois, malia o meu asentimento inicial, agora xa penso que non. Non pode ser. A cousa non debe ser tan sinxela. Paréceme a min que, no fondo, o parviño xa estivo aí sempre, agochado, abeirado a unha falsa humildade que, no fondo, estaba desexando derrubar. Tan so estaba en letargo, agardando quizais a faisca que o confirmase na súa excelencia absoluta, na súa superioridade, na súa grandeza sen igual. Pero o parvo sempre estivo aí. Unha boa persoa, un tip@ de bo corazón, non se volve imbécil porque lle toquen X millóns. Os millóns simplemente fan que o parviño se desinhiba, que saia do armario e que campe en liberdade. Pero si. Sen dúbida. O parvo xa existía antes. Pasteur demostrou hai moitos anos que a xeración espontánea non existe. Todo provén de algo. Nada se crea nin se destrúe, simplemente se transforma. Como todo afeccionado a ciencia coñece, o único que xermola da nada son as boliñas de algodón que tódalas mañás aparecen no meu embigo. Pero nada máis.
En fin. O luns (se os deuses o permiten) correrei a comentarlle á Cris a miña nova visión do asunto. Iso si. Que non nos falte o xeado. Despois de todo, é o único que houbo realmente trascendente en todo este asunto.
Por: XOSE LARVOS | porca miseria | Comentarios (3) | Referencias (0)
Tés boa razón, o parvo sempre está, o que pasa é que por X razóns non pode sair. Gustoume especialmente a comparanza ca máxima científica da enerxía e, por suposto, a importancia real e nunca suficientemente ponderada do xeado.
Manuel Rivas | 03-06-2006 01:35:43
Cando topo xente asi quero que lles toque a loteria e que desaparezan da minha vista. Eu procuro seguir o dito portugues que di que Deus danos o dobre do que lle desexamos aos demais.
Un saudo.
acedre | 04-06-2006 16:42:15
E desde logo hai que ser moi pouquiña cousa para inflamarse por tan pouco, non si?
Graciñas aos dous polas vosas achegas. Saúdos.
Larvós | 05-06-2006 09:06:13