Dúbidas, zozobras, e manobras dun enxeñeiro arrepentido
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com
Venres, 23 de Xuño de 2006
O último post adiqueino, como podedes comprobar, a denunciar a publicación no xornal Faro de Vigo dunha oferta de emprego descaradamente xenófoba, na que, sen ningún pudor, se engade a sinistra aclaración de que os inmigrantes non poden optar ao posto ofertado. Un non é tan inxenuo como para pensar que non hai en Vigo fulanos así (está claro que os aprendices de Le Pen e Ynestrillas non xermolan so no Alén Padornelo), pero o que me produciu verdadeiros arrepíos é que un xornal como o Faro acepte publicar un anuncio en semellantes termos. Ao velo a miña reacción foi unha mestura de arrepío e vergoña. Logo, máis calmo, din en enviar unha serie de emilios á redacción do mesmo, e ao final, por desafogar un pouco, espetei o post en cuestión que podedes ver por aí abaixo.
E mira ti por onde que, a partires de aí, si que sucumbín a máis patética das inxenuidades: imaxinábame eu que a publicación do anuncio fora un erro, un despiste, a obra quizais dun becario mal remunerado, desmotivado, inexperto, e ao mellor sen demasiadas luces, e que, por falta de veteranía, competencia, ou gañas de traballar (as veces ás características danse xuntas. Outras non) se lle “escapara” a animalada en cuestión. Xa daba eu por seguro que a resposta aos emilios por parte da redacción do Faro ía ser inmediata:
""Estimado señor José Larvues:
Lamentamos haber incurrido en tan aberrante error. Tras recibir su queja, hemos procedido de modo inmediato a la eliminación del anuncio en cuestión, a todas luces abyecto, incluso nauseabundo, y por supuesto indigno de una publicación como el Faro de Vigo, de demostrado, notable y contrastado carácter cívico y democrático. Nada más ajeno a nuestra voluntad que herir sensibilidades respecto a tan delicado tema, ser participes de actitudes reaccionarias, y mucho menos erigirnos en parte activa de un mercado laborar que discrimina y margina al inmigrante. Le informamos que han sido adoptadas las medidas oportunas para que esta desagradable situación no vuelva a repetirse en el futuro.
Atentamente: don Miguel Méndez de las Hinojosas (director de redacción) y don Lucrecio de las Tojeiras y Feijoo (gerente de Grandes Cuentas, asuntos internacionales y master en Gestión Empresarial por la universidad de Cincinati)""
Pois si. Dábache eu a resposta por servida. Cousa feita. Asunto resulto. Pero mira ti que non. Pasan os días e na miña bandexa de entrada o único que fai escala son os emilios lixo, algún que outro virus, e por suposto, as dedicatorias de amor dos milleiros de amantes que teño polo mundo adiante. Así que abro o Faro, para comprobar se cando menos o anuncio en cuestión xa non está na fatídica páxina 89, cando dou con estoutra xoia:

E entón na miña testa so hai un pensamento:
COMO PODO SER TAN GILIPOLLAS???
Xúrovos que a min so me falta crer nos Reis Magos, en Papá Noel, e nas historias de Iker Jiménez . Hai que ver o coitado que se pode chegar a ser! “Ti es parvo, rapaz. Parvo de todo”, susúrrame o meu subconsciente, que sempre está aí, espreitando, regocixándose nos meus erros, disposto a todas horas a engadir un elemento máis ao meu inventario de complexos. Que inxenuidade a miña! Pensar que lles ía importar a miña queixa!! Pensar que ía conseguir algo!!!
Non o podedes ver, pero póñome rubio so de pensalo.
Pasan uns minutos de desconcerto. Vou encaixando o golpe. Aínda medio mareado, pero algo máis reposto da lambada psicolóxica que acabo de levar, reparo novamente no anuncio. E así descubro que este en cuestión aínda me desacouga máis que o anterior. Ten até un certo cheiro “guerracivilista”. ¿A que se refire con iso de “nacional”? ¿Non quere estranxeiros ou o que non quere son republicanos? ¿Valorarase positivamente que te presentes á entrevista con camisa azul e as memorias de Primo de Rivera baixo o brazo? ¿Terá Pío Moa un bar á beira de Povisa?... En fin, tanto ten. Unha cousa está clara: a miña queixa, aos do Faro, suolles o cipote olimpicamente. Esa si que é unha verdade incontestábel. O Faro, o mítico Faro (como para case tódolos rapaces de Vigo e periferia, para min tódolos xornais se chamaban así. “Meu pai está lendo o faro”, diciamos, aínda que lese El País, convencidos de que “faro” e “xornal” eran sinónimos perfectos), non ten ningún reparo en ser parte activa na discriminación xenófoba na nosa cidade. Segundo o último censo, os inmigrantes constitúen o 5% da poboación de Vigo, pero todo parece indicar que esa porcentaxe (gústenos ou non) se multiplicará nos vindeiros anos. E Vigo vainos recibir como acostuma: sucumbindo a tódalas vulgaridades posíbeis en todólos eidos concebibeis.
¿Haberá que resignarse a padecer esta maldición faraónica?
E xa está ben. Por hoxe deixo o tema (aínda que temo que continuará). Iso si: non me privarei do pracer de mandarlle un atento saúdo, cos meus mellores desexos de disfunción eréctil, a todos os que poñen ou participan de semellantes anuncios.
Por: XOSE LARVOS | porca miseria | Comentarios (8) | Referencias (0)
Prezado Larvós: nin es gilipollas nin un inxenuo.Simplemente coidas, coma tantos, que o mundo debería de ser doutro xeito. O que pasa é que ao final sentímonos gilipollas e inxenuos porque esquecemos que ( como sempre nos dixeron os maiores e sempre nos negamos a crer ) quen manda son os cartiños. Tristeiro de verdade.
Súmome a ese desexo de disfunción para todos os que poñen e para todos os que publican este tipo de cousas.
náufrago | 26-06-2006 14:57:53
larvós | 26-06-2006 20:18:52
Esta tamén é unha situación tóxica, mellor non fuxir e esconxurala para sempre que, á fin e ao cabo, todos somos do mesmo mundo e deberiamos ter as mesmas oportunidades.
E si, que non procreen máis os malnacidos que pensan o contrario. E non se me poña colorado, que lle senta moi mal.
besbellinha | 27-06-2006 23:38:47
Larvós | 28-06-2006 14:20:13
aqui a praxe é pedir "boa aparência". Ninguém reclama dos estrangeiros porque o brasil é feito de estrangeiros. Poucos têm os avós nascidos por aqui.
Mas a questão da "boa aparência" camufla muita coisa. inclusive a cor, que é considerada "boa" se for branca...E o tônus muscular, que depois dos 40 começa a decair...acharam essa coisa do "boa apaência" e discriminam negros, velhos, feios, gordos...Disfunção erétil é pouco pra esta cambada!
maray | 29-06-2006 17:21:28
Polo visto en todas partes hai parvos, porque a discriminación sempre nace da estupidez de quen a infrinxe.
Que ledicia volver a verte por aquí Maray. Deste tan lonxe!! Fico abraiado co que pode facer unha blog!!!
Larvós | 29-06-2006 19:01:56
Boas noites...Por descontado que fai falla moita humanidade nas mentes dos que se pensan superiores por ter a unha pel ou unha nacionalidade. Por curiosidade ¿foi a resposta do faro en castelán a un lector que se expresa en galego?
apertas
sudoku | 30-06-2006 00:45:31
Deronme "a calada" por resposta; eis a razón da resposta-sátira contra a pomposidade galegofoba dos xornalistas galegos (de parte deles, enténdese).
Simplemente pasaron de min.
Larvós | 30-06-2006 09:50:43