Dúbidas, zozobras, e manobras dun enxeñeiro arrepentido
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com
Mércores, 12 de Xullo de 2006
Nunca se me deu demasiado ben iso de falar en público. Prodúceme unha horrorosa sensación de angustia, coma se, en vez de ante un grupo de persoas, me achegase ao borde dun abismal precipicio, ás infernais portas do inferno, ou ao meu xerente dicindo aquilo de “el equipo es lo primero” cinco minutos despois de ameazarme co despido. E aínda que co tempo vou mellorando nesa faceta da vida (na de falar en público, non na das ameazas de despido), a verdade é que, aínda non hai moito, durante a presentación dun proxecto, sen saber por qué, sentín como as miñas meixelas ficaban, pouco a pouco, roibas. Descoñezo as claves dos mecanismos que activan esa reacción, pero o certo é que cando me quixen dar conta, a presentación xa estaba facendo Naranghito. En fin. Qué lle imos facer. Para estas cousas so coñezo un remedio: xa me presentei voluntario para facer a presentación do seguinte. É unha lección que me ensinou o meu avó, coa súa sabedoría milenaria de aldea: ao que non quere unha cunha de caldo, dúas. Se alguén coñece outro xeito de vencer aos medos, son todo ouvidos.
Pero non é do proceso de ficar roibo do que quería falar, senón doutra reacción involuntaria que tamén padezo as veces. Tivemos non hai moito na empresa iso que se coñece como revisións médicas periódicas, e a cousa a min tívome, coma sempre, algo inquedo. Non detecto anomalía ningunha no funcionamento das miñas partes integrantes, e polo tanto, cando menos a priori (toco madeira) non agardo nada malo nos resultados, pero sempre me preocupou un pouco o funcionamento excesivamente autónomo da miña parte integrante máis intrigante. Refírome a esa que se comporta de modo independente, que vai por conta propia, o que se di “á súa bola”, e que non dá contas a ninguén. Supoño que non fai falta explicar a qué me refiro, como tampouco a personaxe interpretada por Woody Allen tivo que facer ningunha aclaración cando dixo que o seu cerebro era o seu segundo órgano preferido. O medo consiste –e supoño que tampouco para isto compren demasiadas explicacións- no pánico a que o seu misterioso mecanismo se active sen máis no momento menos indicado. En gallumbos, nunha consulta, cunha doutora en bata branca ante ti, temos que recoñecelo, é un momento bastante triste para que se desate esa reacción espontánea. Triste e humillante. A miña imaxinación tortúrame evocando esa escena desde que os primeiros peliños comezaron a xermolar no meu bigote. E malia que xa leva chovido bastante desde aquela non parece que acabe de superalo. O que son estas cousas.
Lembro que, durante a adolescencia, cando se me presentada este medo, un imaxinaba que sería cousa da idade. Algo que, como poñerse vermello, un tería sobradamente resolto cando chegase aos trinta. Pero non. Cumprinos en marzo, e basicamente todo sigue igual: a miña parte máis intrigante segue sen obedecer. E tamén sigo a poñerme vermello de cando en cando. Vese que non era cousa dos anos, senón do sistema simpático (que vaia nome, porque eu chamaríao de calquera xeito, menos “simpático”), que anda por aí solto, fervellando, e fai das súas cando lle peta. E se ben a cousa ven de lonxe, este medo ten agora o agravante de que un xa non é un adolescente. Porque se a intriga autónoma espontánea durante a adolescencia cando menos tiña o atenuante de que todo o mundo sabe (e as doutoras, que non son leigas precisamente en fisioloxía, mellor que ninguén) que ese é un período da vida do varón con moita tendencia ao integrismo, por iso os raparigos sempre levan a camisola por fóra do pantalón, por aquilo de non ser sorprendido intrigándose na pizarra mentres lle busca os complementos circunstanciais a unha frase tirada d’A vida de Pascual Duarte. Pero o caso é que a min ségueme pasando. De feito, aínda non hai moito, vivín unha situación na que, xuro que con verdadeiro arrepío, non podía deixar de preguntarme durante a lectura do balance fiscal do pasado exercicio, “e eu porque estou así de intrigado ouvindo este rollo pataqueiro????”. Será deformación profesional? Será cousa de tanto estimular a imaxinación lendo libros? Terei que deixar de ignorar o fútbol, e así aplacar os instintos a base de ollar a vinte e dous fulanos en bañador coas pernas peludas e retortas? Será que son un pervertido? Serei un inmaduro? Matarame a miña rapariga ao ler este post?
O fío dos interrogantes, coa súa forma de gadaña léxica, tortúranme novamente.
A verdade é que detesto o pesimismo vital militante tan frecuente hogano, pero hai que recoñecer que a vida ten certos puntos ben fodidos. Este asunto éche un deles. Porque resulta que, neste rexistro, durante a xuventude, a autonomía integrista é fonte de preocupacións... por exceso. Pero cos anos, á cabrona, tan insubmisa e toureira ela, dálle por volverse autónoma... por defecto (algo, por suposto, moito máis preocupante). A cousa que non tería moita gravidade se o desexo se apagase co seu vigor, pero curiosamente tódolos indicios sinalan que o desexo tende a conservarse. Así que temos que recoñecelo. Non queda outra. Como di, co seu simpático acento porteño, un arxentino que traballa comigo: la vida, a veces, es un poquito una mierda.
PD: pasado o exame médico, informo -como din os xornalistas logo das eleccións- que a xornada transcorreu sen incidencias. Así que xa volvo estar tranquilo... Até o ano que ben.
Por: XOSE LARVOS | cousas miñas | Comentarios (12) | Referencias (0)
Xosé, posso te aconselhar a procurar um médico homem. Mas se esse teu, digamos assim, órgão independente, resolver se assumir e sair do armário, acho que a coisa pode vir a ser mais complicada ainda, pois não? E agora, deixa-me contar um segredo: a maioria das mulheres se sente muito, digamos assim, orgulhosa, com as opiniões mesmo que independentes, desse órgão! Não se preocupe mais! :)
maray | 12-07-2006 19:25:43
:DDDDD
Pois rin un anaco com essa resposta. Sempre nos fai o reconhecemento a mesma mutua, e sao dúas doutoras moito bonitas... pero se passa algo assim ante um homem (e se passa ante um balance fiscal está claro que pode passar en calquera circunstancia) sería ainda máis vergonhento... :DDDD
Pensarei nessa orgulho femenino para ver-lhe, quando menos, o lado positivo a este assunto.
Larvós | 12-07-2006 19:49:27
Aínda estou secando as bágoas de tanto rir... Todos temos medos dese tipo, tranquilo. E que suceda é un síntoma de saúde. Pensa cando teñas tantos anos que xa non pase....
náufrago | 14-07-2006 10:09:28
"sinal de boa saúde"... ben é outro xeito positivo de enfocalo.
Ao final van ser todo virtudes :D
Saúdos
Larvós | 14-07-2006 14:03:49
Pódolle asegurar que na maioría de nós sempre produce certa compracencia extraña o funcionamento do órgano independente en circunstancias pouco propicias.
Moi divertido o post. Un saúdo.
X | 15-07-2006 09:54:05
SZ | 16-07-2006 20:23:12
Alégrome de que as miñas paranoias resulten divertidas. E aínda me alegro máis ao saber desa "complacencia extraña"... sácaselle a un un peso de enriba.
Saúdiños
larvós | 17-07-2006 12:51:47
X | 19-07-2006 09:22:34
canto rin, meu deus!!! eu deixoche outra frase moi arxentina: "Che, nunca pensaste en ir al psicologo??" jajajajaja
torredebabel | 19-07-2006 21:33:13
Curiosamente sempre pensei que hai certos aspectos de min mesmo que me convén facermos mirar :DDD
Alégrome de que che gustase. Un saúdo, porteña.
larvós | 20-07-2006 11:27:38
Eu xa teño 33 e aínda é hoxe o día que me poño colorada ou me tremen as mans ante situacións novas ou inesperadas, ou cando teño que falar diante de moita xente-algo qu enon sudcede desde hai moito-. Non sei se será unha custión de idade, eu penso que máis ben é de carácter...Perra vida!!!
Jan | 29-07-2006 10:31:42
Durante moito tempo estas cousas sacábanme de quicio. Agora xa o deixo estar, e simplemente intento rirme de todo (que é a mellor terapia que coñezo).
Saúdos, Jan. Unha ledicia terte por aquí
larvós | 31-07-2006 10:12:51